A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, traslada de novo ao pleno da Deputación de Lugo a proposta de que a administración provincial asuma de xeito gratuíto a xestión e recadación dos tributos municipais. Candia defende a necesidade de que esta iniciativa sexa atendida pola Deputación, xa que supoñería unha inxección de liquidez a todos os concellos da provincia de 1,6 millóns de euros anuais.
Os populares rexistraron esta moción para o seu debate no próximo pleno que terá lugar o martes. Dun xeito máis concreto, a popular explica que esta iniciativa ten por obxecto a modificación das bases que rexen a delegación de competencias en materia de xestión, inspección e recadación coa principal finalidade de que a Deputación preste este servizo aos concellos, sen que estes teñan que ofrecer compensación económica algunha á entidade provincial. Ata agora, a administración lucense percibe polo desempeño destas funcións o 3% dos xuros recadados en período voluntario e o 75% da recarga no período executivo precedente.
Bloqueo da proposta por socialistas e nacionalistas Candia lembra que o anterior Goberno popular na Deputación levou a pleno a proposta de modificación destas bases, cos informes oportunos que avalaban a iniciativa, pero “socialistas e nacionalistas centrados só no seus intereses políticos bloquearon este procedemento e impediron co seu voto en contra que a Deputación prestase este servizo a custe cero para os municipios”.
Porén, a voceira dos populares asegura que, “conscientes da importancia desta iniciativa, queremos impulsar de novo esta proposta a través dos medios dos que dispoñemos, por crer na necesidade de que se leve a cabo, xa que sería un importante pulo para todos os concellos da provincia”. “Tanto dende o Goberno como dende a oposición, a nosa máxima é a de colaborar cos concellos e levar a cabo iniciativas que repercutan de xeito beneficioso neles”, engade.
Candia consideraría “inadmisible” que de novo socialistas e nacionalistas “volvesen a dar as costas a todos os concellos da provincia”, polo que “agardamos que desta vez atendan á petición do Grupo Popular e leven a cabo os procedementos oportunos que permitan que esta modificación xurda efectos a un de xaneiro de 2016”.
A maiores, a iniciativa dos populares tamén implica que “se dea unha maior facilitade aos concellos e deste xeito podan delegar na Deputación calquera das súas competencias en materia de xestión, liquidación, inspección e recadación dos tributos, e dos restantes ingresos de Dereito público que a lei lles atribúe”.
A voceira dos populares reiterou que esta iniciativa redunda no beneficio de “todos e cada un dos concellos desta provincia, e implicaría unha inxección de liquidez que supera o 1,6 millóns de euros, e que posibilitaría aos concellos asumir as inversións necesarias para atender a todos os seus veciños”. En concreto, Candia citou casos concretos como o de Sarria, no que “estaríamos a falar duns ingresos engadidos de 104.013,86 euros” ou no de Ribadeo, de 91.868,28 euros; no de Vilalba de 104.013,86 euros; en Guitiriz, de 46.482,50 ou en Burela de 32.748,70 euros.
A voceira dos populares lamentou tamén “a parálise total na que o PSOE e o BNG manteñen á Deputación froito das súas loitas internas que a día de hoxe lles impediron constituír Goberno e os levou a ir retrasando a data que anunciaban. Esta circunstancia evidencia con “rotundidade que ao PSOE e ao BNG o que menos lle importan son os lucenses e o bo funcionamento da Deputación”.
Mentres, dende o Grupo Provincial do Partido Popular afirman que “no Goberno ou na oposición, proseguimos co intenso traballo que prometemos centrados na defensa dos intereses dos veciños e na loita para que a Deputación de Lugo cumpra coas súas funcións de cooperar e colaborar con todos os concellos da provincia”, explicou Candia.