A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apelou á responsabilidade da oposición este luns na Xunta de Voceiros, onde defendeu o modelo indirecto de xestión do sistema ORA de xeito inicial, á vista dos cinco informes elaborados polos responsables de tráfico da Policía Local, persoal, contratación, aseoría xurídica e policía e transportes, e ante a Lei 27/2013 de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, que impide contratar persoal.
“Adiantámonos ao que se nos solicitou na sesión plenaria anterior, pedindo informes para ver a viabilidade do modelo de xestión”, avanzou a rexedora. “Este equipo de Goberno vai intentar primar sempre os servizos públicos como modelo de xestión”, asegurou Lara Méndez, quen anunciou que “á vista dos informes técnicos, neste momento a mellor forma de xestión é o modelo indirecto, o mesmo modelo de concesión que existía ata hai uns meses”, asegurou a rexedora.
“O Concello de Lugo, querendo prestar o servizo ORA, un servizo non esencial pero si necesario para facilitar a rotación de vehículos aparcados e para garantir unha fluidez do tráfico, e querendo provocar o menor prexuízo aos traballadores deste servizo; avoga por un modelo de xestión indirecto, polo menos de xeito inicial, aínda que non se descarta estudar outras vías alternativas”, avanzou a Alcaldesa, quen fixo fincapé en que a decisión “non é un criterio político, é un criterio racional” ao tempo que instaba á oposición a fuxir da demagoxia.
Neste senso, a rexedora avanzou que para garantir este servizo haberá que traballar nuns novos pregos de contratación de curta duración mentres se estuda a viabilidade da remunicipalización.
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Popular afirmou hoxe que “lamenta o empeño do goberno socialista de manter o vello sistema da ORA de pago. Sospeitamos que se pretenda teledirixir un contrato coa mesma empresa que prestou este servizo no concello de Lugo durante seis anos. É unha tomadura de pelo que intenten facer unha adxudicación enmascarada con esta empresa implicada na Pokemon”, afirmou Castiñeira.
O voceiro popular apuntou que Doal, filial de Vendex, competirá nunhas condicións moi vantaxosas fronte a outros aspirantes xa que “utilizou neste periodo equipos e maquinaria que o concello agora permitiu que se apropiase ao non facer a liquidación cando lle suspende a prestación do servizo, e ademáis por si esto fóra pouco, ao estar traballando como modelo coa ordenanza que tiña o anterior goberno municipal, se poderían ampliar as plazas de aparcamento do sistema ORA proporcionándolle uns maiores beneficios”.
O voceiro popular Jaime Castiñeira tamén manifestou que o seu grupo non aceptará “chantaxes como o que hoxe intentou a alcaldesa poñendo de parapeto aos traballadores do servizo ORA afirmando que si non se fai o contrato non se subrrogarían a estes empregados”.
No transcurso da xuntanza de voceiros tamén se falou do servizo do guindastre municipal. Castiñeira indicou que a alcaldesa fixo “un recoñecemento de forma explícita de que a súa intención era prorrogar o servizo do guindastre. Os socialistas, a estas alturas, non deron nin un só paso para iniciar o expediente de municipalización acordado no último pleno”. Castiñeira destacou que a concesión deste servizo a Cechalva conclúe o 30 de novembro polo que se descoñece o que vai pasar con este servizo a partir do 1 de decembro.
Pola súa banda, o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, denunciou esta mañá en rolda de prensa “a decisión unilateral da alcaldía de volver conceder a xestión do sistema ORA a unha empresa privada”.
“A alcaldesa Lara Méndez está exercendo presión sobre os grupos da oposición para que nos botemos atrás no noso propósito de buscar vías para a municipalización do servizo, e ademáis o está a facer de forma chapuceira, intentando boicotear a nosa moción conxunta con informes incompletos entregados fóra de prazo que non ofrecen datos obxectivos dos que se poida deducir que a xestión directa por parte do Concello non é viable, precisamente porque non tratan o tema do custo do servizo e da súa viabilidade económica, que é a información fundamental requirida pola propia lei que regula o funcionamento da Administración Local para dirimir que modelo de xestión é o axeitado neste caso”.
Para ACE-EU, o feito de que a alcaldía faga unha proposta de manter o modelo de xestión existente “en base a informes inconclusos que non satisfacen o acordo plenario polo que se solicitou un estudo xurídico, técnico e económico sobre as diferentes posibilidades de xestión, que non son nin nomeadas nos textos; e que vaia a colala in extremis no vindeiro Pleno facendo uso da súa autoridade, cando a súa inclusión na orde do día foi rexeitada xa na votación da Comisión de Contas do pasado venres que tratou o tema, fai evidente que Lara Méndez quere impoñer a privatización por enriba dos cauces democráticos establecidos”.
Doutra banda, Carlos Portomeñe desvelou que representantes sindicais lle mencionaron os informes xa unha semana antes do envío dos mesmos aos grupos municipais e que o seu resultado sería contrario á municipalización da ORA.
“É inaceptable que persoas alleas á administración teñan coñecemento antes que os representantes públicos do contido dos documentos internos do Concello que deben servir para fundamentar as decisión políticas”.
ACE-EU considera este tipo de comentarios “outro claro indicio de que o goberno do PSOE xa tiña tomada de antemán a decisión de manter o modelo privado de xestión”. ACE-EU reafirmou a súa vontade irrenunciable de municipalizar tódolos servizos locais que sexa posible, e lembrou que a moción conxunta presentada polos grupos da oposición que solicita a apertura do expediente de municipalización da ORA e que será debatida no pleno deste xoves, “é o método máis democrático e serio posible para decidir cal é o modelo de xestión máis beneficioso para o Concello e a cidadanía de Lugo”, concluíu.