Logo da solicitude realizada por Mariña Patrimonio diante da Consellería de Cultura o pasado mes de agosto, o Servizo de Patrimonio Cultural vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dous novos sitios arqueolóxicos coa denominación Castro da Croa e Castro Castelo.
O castro da Croa atópase no lugar coñecido tamén como Antemil, na parroquia de Xuances. Trátase dun castro costeiro no que se observa un sistema defensivo composto por dous parapetos e mais un foxo. O sistema defensivo vese reforzado pola súa estratéxica situación, así como pola impresionante altura do cantil no que se atopa.
Por outra parte, o xacemento do Castelo, actualmente plantado de eucaliptos, é un recinto fortificado por un só parapeto e atópase a uns 400m do castro costeiro,e xacemento medieval, de San Tirso de Portocelo.
O verdadeiramente salientable da inclusión destes xacementos no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos é que os dota dunha protección legal, que debería garantir a súa conservación para que as vindeiras xeracións poidan gozar destes bens patrimoniais.