Logo da reunión extraordinaria da Comisión de Contas celebrada esta mañá, e que aínda a estas horas continúa, o Grupo Municipal Lugonovo reafírmase no seu posicionamento de traballar, sen fisuras, pola municipalización.
“Creemos que a ORA é un servizo rentable para o Concello e que existen fórmulas, como a que propuxemos da Sociedade Mercantil Pública, que permiten a súa xestión directa adaptándose ás limitacións para a contratación que impón a normativa estatal”, asegura o seu portavoz, Santiago Fernández Rocha.
“Sabemos tamén que este vai ser un proceso longo, que non se pode facer da noite para a mañá, o que nos sorprende é que o equipo de goberno non o tivera en conta cando decidiu anular o contrato se realmente a súa vontade era a de mellorar o sistema”. Os edís de Lugonovo amósanse a favor do diálogo sempre e cando quede demostrado que o restablecemento inmediato da Ora é unha cuestión de vital importancia para os veciños.
“Sendo así, non temos inconveniente en estudar as solucións provisionais que se poñan enriba da mesa. Pero iso si, con condicionantes. Se, como di a alcaldesa, non queda máis alternativa que a xestión temporal indirecta, só a valoraremos se se trata dun contrato breve e paralelo o inicio do proceso de municipalización que avalen os informes, e, segundo: terán que quedar fóra dese proceso as filiais de calquera empresa que esté inmersa en casos de corrupción. Se o executivo local ten unha folla de ruta marcada e está utilizando esta urxencia para perpetuar o modelo anterior, cheo de vicios, que non conte con nós. Terá que facelo en soidade, en Xunta de Goberno”.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG-Asembleas Abertas, Rubén Arroxo anunciou que manterá a súa postura ao respecto “do intento de imposición por parte do goberno municipal, de manter o sistema ORA xestionado pola mesma empresa que o viña facendo ata o de agora”.
Arroxo sinalou que no programa co que o BNG – AA se presentou ás eleccións municipais “estaba ben clara a aposta pola remunicipalización de servizos”. O voceiro nacionalista afirma que a remunicipalización e xestión pública deste servizo, sendo gratuito para todos, é factible e asumible.
Asemade, o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, afirmou en relación á dismisión onte do concelleiro de Deportes, que “situacións que deberían ser excepcionais se están convertendo en habituais” dese xeito se refería á última dimisión dun concelleiro socialista do goberno de Lugo.
Castiñeira explicou que “o abandono por motivos políticos, nun prazo de catro meses, de 3 dos 8 edis da lista do PSOE reflicte os problemas que está a ter a alcaldesa dentro do seu propio equipo”. O popular refírese á marcha de Grandío, a de Santín e á forzada de Orozco “que xa nin tan sequera chegou a tomar posesión”.
O popular subliñou que “só nos queda por saber quen vai ser o seguinte porque moito nos tememos que esto non vaia terminar aquí. Estas dimisións son froito das manobras socialistas que teñen como obxectivo evitar que goberne o Partido Popular malia que foi quen gañou as eleccións”.
Castiñeira teme que a dimisión de Grandio non sexa a última e afirmando que “os socialistas, de momento, perderon a tres puntais con experiencia e que tiveron un papel protagonista no cartel electoral do PSOE”. O voceiro do PP sinalou que” a marcha dos edis poda derivar a medio prazo nunha reestructuación do goberno coas repercusións negativas que esto podería acarrear para axilizar tramitacións tan importantes como a xestión do ciclo da auga”.