A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, defendeu este martes na Comisión Especial de Contas o mantemento do modelo de xestión existente do sistema ORA de maneira inicial, “á vista dos cinco informes técnicos elaborados polos responsables de tráfico da Policía Local, persoal, contratación, aseoría xurídica e policía e transportes, e tendo en conta a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local aprobada polo Goberno central do PP, que limita a contratación de persoal”.
Méndez incidiu neste senso en que o Goberno está aberto a estudar paralelamente o proceso de municipalización do servizo ORA e mentres non conclúe, pois “trátase dun procedemento longo e complexo”, continuar co sistema actual de xestión indirecta para garantir a necesaria rotación e mobilidade do tráfico dunha maneira eficaz e adaptada á realidade da cidade, e “dar unha cobertura legal aos traballadores, mentres non se lles dan outras alternativas”.
Dende o Goberno “demos mostras máis que suficientes de apertura ao diálogo, ao que nunca nos pechamos, pero parece que aqueles que tanto reclaman dialogar son incapaces de facelo, de flexibilizar e ceder”. “Temos a potestade de gobernar e de incluír no orde do día do Pleno unha proposta de Alcaldía sen que pase por comisión, pero non o fixemos. Decidimos que pasase por comisión para debatela porque non temos medo ao diálogo, nin ao debate”, engadiu a rexedora. “Puxemos enriba da mesa a nosa proposta para que a cidadanía a coñeza, e cada quen será responsable das decisións que toma en cada momento”, indicou.
A Alcaldesa aclarou neste senso que abrir un proceso de municipalización non significa que acabe desembocando nunha xestión directa, pois “ábrense moitas opcións” e as limitacións para contratar persoal impostas polo Goberno central poderían levar consigo finalmente a contratación dunha empresa.
“Sendo defensores do público, a día de hoxe é impensable municipalizar todos os servizos municipais que na actualidade teñen unha xestión indirecta do Concello. Gobernar é priorizar. Esa é a nosa responsabilidade, polo que o primeiro será dotar de persoal a aqueles servizos propios do Concello que están infradotados, logo municipalizar servizos que creamos prioritarios e despois abrir a porta á municipalización de outros”, explicou.
Méndez fixo deste xeito un novo chamamento á responsabilidade e coherencia dos grupos da oposición, pois o que pretenden é que municipalicemos e que 15 persoas da ORA e 11 da grúa se vaian á rúa”. A Alcaldesa destacou así mesmo que, “se ben o 24 de setembro aprobamos en pleno a subrogación dos traballadores da ORA, só varios días despois, o 1 de outubro, a oposición presenta unha proposta conxunta na que propoñen un modelo que impide a subrogación, é dicir, impide que se execute o que eles mesmos aprobaron”, conluíu.