O teatro afeccionado dáse cita en Lugo entre o 30 de outubro e o 2 de novembro

Dúas representantes da compañía Nova Escena Teatro, Consuelo Trinidad e María Márquez, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello as catro obras que dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador se representarán no Auditorio Municipal Gustavo Freire dende o 30 de outubro ao 2 de novembro.

O Concello colabora con esta iniciativa dirixida a todos os públicos, impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, dentro da súa aposta por promover o teatro afeccionado lucense e galego e por difundir o traballo dos grupos de teatro de Lugo.

Márquez e Trinidad agradeceron a colaboración do Concello para poder celebrar a décima edición deste circuíto de teatro ao tempo que convidaron a todos os lucenses a asistir ás diferentes funcións.

4 funcións para todos os públicos

O festival comezará o vindeiro venres, 30 de outubro, coa función Un día no circo da compañía teatral Paso de Valverde, de Arteixo. Este espectáculo, dirixido aos máis cativos da casa, conta a historia de Chukiño, un neno apaixoado polo circo, que un día descubre que a farándula dos Fratelli Fratellini actuará na súa vila.

O sábado 31, será a quenda da compañía santiaguesa Teatro no Aramio, que representará Ulrike no Deserto, unha obra que recupera a historia da xornalista e militante de esquerdas alemá Ulrike Meinhof.

O domingo día 1, a compañía ferrolá Max Teatro interpreta Vaia Tropa, unha comedia de enredo que relata a historia dun matrimonio que ve perigar a súa convivencia polas estratexias das súas nais que queren separalos, pois consideran que a diferenza de idade na parexa pode ser un fracaso matrimonial.

Finalmente, o luns 2 de novembro péchase este circuíto en Lugo coa representación de A Apócema, a cargo de Nova Escena Teatro, unha representación que relata a historia das catro principais meigas de Galicia, que convocadas por un druída, teñen a misión de arranxar o mundo.

Todas as sesións terán lugar ás 20:00 horas. O prezo das entradas é de 3 euros para os adultos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com