O BNG insiste en que o seu rexeitamento a Martínez só ten que ver co 24 de xuño

O voceiro do grupo provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, e máis o voceiro dos nacionalistas na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, deron conta esta mañá no Pazo Provincial do acordo para un goberno de coalición que segundo afirman, asinaron o 25 de setembro.

Quixeron deste xeito dar carpetazo ao acontecido estes últimos meses na Deputación, e que desembocou finalmente onte no Pleno Provincial, no que o deputado socialista Manuel Martínez afirmou que non apoiaría ningunha moción do BNG en resposta á decisión dos nacionalistas de deixalo fóra da portavocía socialista da Xunta de Goberno, cargo que desenrolou con bastante acerto durante os últimos oito anos co goberno de Gómez Besteiro.

O nacionalista Xosé Ferreiro, insistiu esta mañá en que esta decisión levouse a cabo, “non pola imputación do Sr. Martínez”, -como afirmou o responsable nacional do BNG, Xavier Vence, hai unhas semanas en Lugo-“senón polo espectáculo lamentable que protagonizou o pasado 24 de xuño”.

Refírese Ferreiro á decisión de Martínez de non votar ao candidato elexido polo PSOE e BNG para presidir a Deputación, Darío Campos, como protesta diante do seu partido, por apartalo da presidencia sendo o candidato máis votado nos oito partidos xudiciais da provincia, logo de que o BNG se negara a apoialo despois de ser elexido, por estar, segundo dixeron daquelas, “imputado por un delito administrativo”, aínda sen data de xuizo nin sentenza.

O voceiro provincial socialista Álvaro Santos Ramos, explicou que “é o acordo que os Grupos Provinciais de PSOE e BNG asinamos o 25 de setembro, o mesmo día que, en base a este texto, asinamos e presentamos nesta institución a moción de censura coa que recuperamos a normalidade democrática na Deputación ao plasmar no Goberno Provincial a vontade dos lucenses o 24M. Ese día os lucenses falaron alto e claro. Dixeron que non querían no goberno da provincia ao Partido Popular, que sufriu todo un varapao electoral ao perder o apoio doutros 26.000 lucenses máis e 10 Alcaldías. Libre e democráticamente, os lucenses dixeron que querían para a provincia o goberno de esquerdas dos últimos 8 anos, o goberno de PSOE e BNG, que conseguimos o apoio de 13.000 lucenses máis que o PP”.

“Ante as falsas acusacións de malos perdedores, que se enchen de oscurantismo, e logo de presentar xa as liñas do noso acordo de xeito oficial nesta Deputación de Lugo o pasado 25 de setembro, pois veñen recollidas na moción de censura, e de ata de léelas públicamente no Pleno Extraordinario do 8 de outubro, hoxe damos un paso máis para demostrar que este Goberno Provincial non ten nada que agochar.

“Trátase dun exercicio de total e absoluta transparencia, un feito sen precedentes pois, por exemplo, noutras Deputacións presentáronse as liñas xerais dos acordos de goberno, pero nunca deste xeito. E máis, este Goberno Provincial tamén o vai a publicar na páxina web da Deputación ao acceso de todos os cidadáns”, apuntou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com