Adxudicadas as obras de modernización da Praza de Abastos

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a adxudicación á empresa COPCISA das obras de modernización da praza de abastos de Lugo, por un importe de 1.050.080 euros e un prazo de execución de 102 días naturais, é dicir, 3 meses e 12 días. O proxecto persigue mellorar a competitividade e posicionamento dos negocios actuais, así como a propia imaxe da praza e busca favorecer o desenvolvemento da economía local.

Tal e como avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, as obras da praza de abastos comezarán o vindeiro luns, 3 de novembro, pero a praza non pechará ata o día 10. Durante esta xornada e ao longo de 33 días naturais, ata o 12 de decembro, a praza permanecerá pechada. “Nestes 33 días de peche, a empresa adxudicataria executará obra por valor de 560.000 euros”, asegurou Fernández.

Os postos serán reubicados no mercado de Quiroga Ballesteros (os negocios de peixe e carne) e nunha carpa na Praza da Soidade, que disporá de seguridade. “A localización da reubicación decidírona por maioría os propios comerciantes o pasado luns”, subliñou o voceiro.

CEIP Sagrado Corazón

Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno autorizou a ratificación de 4 convenios urbanísticos asinados con outros tantos propietarios de diferentes parcelas para a cesión destes terreos ao Concello co obxectivo de poñelos á disposición da Xunta de Galicia para construír neles un centro de educación infantil e primaria no barrio do Sagrado Corazón.

Esta semana quedarán ratificados aproximadamente 8.000 metros cadrados dos 10.000 necesarios, “tanto en Xunta de Goberno, na que se ratificaron os convenios relativos á disposición de 5.059 metros de terreos cualificados como solo urbanizable delimitado; como no Pleno de mañá xoves, no que ratificaremos os convenios que fan referencia a máis de 2.000 metros de terreos cualificados como solo urbano non delimitado“, explicou o voceiro municipal.

Deste xeito, quedan pendentes outras dúas parcelas que suman 2.000 metros. A cesión tardaría en resolverse por mor de trámites de herdanza, polo que se procedeu a unha expropiación acordada. Actualmente, segundo explicou o voceiro, está en trámite e estará concluída en 3 ou 4 meses.

Unha vez aprobada a ratificación de todos os convenios, procederase á firme da sinatura final da cesión e os terreos poñeranse a disposición da Xunta para a construción do colexio do Sagrado Corazón.

Axudas material escolar

Este mércores a Xunta de Goberno aprobou as listas definitivas de adxudicatarios de subvencións a familias con escasos recursos para a compra de libros de texto e material educativo para o segundo ciclo de infantil (3 a 5 anos) e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos. O voceiro municipal adiantou que as listas definitivas das axudas para material escolar sairán publicadas a principios da vindeira semana e poderanse consultar na lista do taboleiro de edictos das oficinas municipais, no 3º andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra e a través do teléfono 010. Posteriormente, abrirase o prazo para recoller os vales desconto de 80 euros canxeables por libros ou material escolar.

Nova composición das comisións avaliadoras

Miguel Fernández explicou que a Xunta de Goberno aprobou modificar a composición das comisións avaliadoras das subvencións tramitadas dende servizos sociais e as concedidas a asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro de carácter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente para o desenvolvemento de programas e actividades e o mantemento de equipamentos.

Este cambio prodúcese tras a decisión do Goberno de que as comisións avaliadoras estean formadas exclusivamente por persoal traballador municipal, non formando parte dela ningún concelleiro da Corporación. Esta circunstancia obriga a modificar as bases xerais reguladoras da concesión de subvencións.

Comité Asesor do Camiño de Santiago

A Xunta de Goberno aprobou designar como representante do Concello de Lugo no Comité Asesor do Camiño de Santiago ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com