Esta mañá tivo lugar o Pleno Municipal do Concello de Lugo, no que se debatían, entre outras, dúas mocións en relación ao sistema público de aparcadoiros na cidade.
Dunha banda, os socialistas propoñían o mantemento do actual sistema de xestión do servizo público de aparcadoiros, é decir, o sistema ORA, tal e como estaba ata a súa suspensión, ata que se atope o xeito de remunicipalizar este servizo e pase a ser xestionado directamente polo Concello, se é que esto é posible.
Segundo o voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, “polo momento é imposible municipalizar este servizo, xa que catro informes técnicos o desaconsellan. Este proceso podería durar polo menos un ano, e aínda así non temos a garantía de que sexa posible facelo. Así que mentres estudamos cómo facelo, o servizo de aparcadoiros non pode estar parado xa que supón un verdadeiro caos no centro da cidade. A idea é continuar co servizo transitoriamente ata que academos unha solución. O noso desexo é que se poida remunicipalizar, pero entre tanto, mentres se estuda cómo facelo, é necesario darlles aos veciños unha solución momentánea”, sinalou o socialista.
Esta moción foi rexeitada por todos os grupos da oposición, a excepción de Lugonovo, que presentaba unha enmenda á proposta para apoiala, enmenda que non foi admitida polos socialistas, polo que os concelleiros de Lugonovo se abtiveron. Todos os demais, C’s, PP, BNG e ACE votaron en contra, polo que finalmente non saíu adiante.
Para o voceiro de ACE, Carlos Portomeñe, “esta proposta vén ao pleno imposta polo goberno municipal, todos os grupos da oposición estamos na contra e plantexamos a nosa propia moción para este asunto”. Referíase Portomeñe á moción conxunta entre os grupos da oposición, que propón que este servizo sexa gratuíto, e que se aprobou cos votos a favor de todos os grupos a excepción do Partido Socialista.
Falou tamén dunha “posible porta xiratoria entre o Concello e a empresa Vendex”, empresa adxudicataria ata a suspensión do servizo hai un par de meses. “A alcaldía escúdase nos prazos e no futuro dos traballadores, pero a proposta que fai é unha aunténtica falacia. Ningún de esos catro informes técnicos contemplan outras posibilidades. No anterior mandato socialista no Concello remunicipalizáronse máis de 36 servizos”, sinalou Portomeñe.
Pola súa banda, a voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, recriminóulle ao goberno a falta dun informe económico. ” Os informes responden ás áreas de tráfico, persoal, contratación e xurídico, pero ningún fai alusión á parte económica. Respetamos estes informes, pero non as súas conclusións. Imos votar na contra desta moción xa que non vemos unha folla de ruta clara nin coherencia”.
Asemade, Rubén Arroxo, voceiro do BNG-Asembleas Abertas afirmou que o seu partido presentou no seu día un programa claro e conciso no tocante a este tema. “Podemos chegar a acordos e estamos abertos a elo, pero a cuestión da gratuídade co aparcadoiro público é irrenunciable. Aínda así, seguemos sen pecharnos a posibles alternativas”.
Lugonovo, na voz de Santiago Fernández Rocha, afirmou que “neste tema seremos firmes. Sempre que a xestión directa sexa posible apostaremos por ela, pero tampouco queremos facer unha oposición demagóxica, pensamos que a xestión directa deste servizo abarataría o coste e excluiría posibles corruptelas. Non podemos dar o “sí” á proposta do PSOE porque pensamos que está feita ás presas. Solicitamos para dar o noso voto que se acepte unha enmenda que valore a posibilidade de poñer en marcha un sistema gratuíto, controlado por axentes de mobilidade”.
O popular Jaime Castiñeira, afirmou que “vostedes (PSOE) poñen como excusa para non facer gratuíto este servizo aos traballadores. Nos apostamos por un sistema gratuíto de rotación xestionado dende o Concello. Cremos que esta é unha decisión política, e neste caso a Alcaldesa ten o mérito de pór dacordo a toda a oposición na súa contra”.