A plataforma cidadá Lugonovo vén de amosar a súa preocupación diante da complexa situación actual de cara á creación dunha gran candidatura unitaria galega, que faga fronte ao bipartidismo de cara ás vindeiras eleccións xerais.
“En consecuencia, instamos a tódolos axentes implicados nos diversos procesos en marcha a buscar nesta recta final un acordo de país que permita desbloquear a situación e lograr, así, ese factor multiplicador que supón a unidade fronte a quen está a agredir sen descanso ás maiorías sociais. Consideramos esta tarefa fundamental para acadar uns resultados que permitan dar un paso adiante, pois se ben nacimos coa vontade e a vocación de ser expresión da cidadanía de Lugo, somos plenamente conscientes do que colectivamente se xoga nos vindeiros comicios”.
“A nosa plataforma cidadá, consecuente co traballo realizado dende o seu mesmo nacemento en favor da unidade de acción das forzas que defenden maioría social agredida e en harmonía tamén coa súa propia composición plural, entende que é esta unha oportunidade que o país non pode permitirse perder”.