O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, esixiu esta mañá en rolda de prensa a retirada “inminente e urxente de todas aquelas notas de prensa, alomenos unha vintena, que non teñen cabida nunha web institucional de calquera administración dun país democrático”.
Nese senso, Castiñeira subliñou que “non é casualidade nin un comportamento inocente, senón que a confusión dos planos institucional e político é unha manobra premetida para impoñer un pensamento único, servíndose de recursos públicos que deberían estar ao alcance de todos e non só do grupo de goberno”.
“Parece que para os socialistas non é suficiente situar os enlaces ás webs dos outros grupos políticos nun lugar residual do portal municipal”, ironizou o popular, ao tempo que pediu que neste apartado os diferentes grupos se ordeen polo número de votos obtidos e que se completen os datos de contacto.
Deste xeito, os populares reclamaron “o cese inmediato deste tipo de prácticas, das que o ocorrido onte no Pleno non foi máis que a gota que colmou o vaso”, xa que antes da nota de prensa co título A oposición manda á rúa a 30 traballadores en dous plenos difundiranse, logo da celebración dos plenos, a traveso da web municipal outras cos títulos O PP rompe o consenso da Corporación de garantir a boa convivencia no barrio da Ponte (24 de setembro) ou Só o PP rompe o consenso da Corporación a favor do mantemento da gardería do Sagrado Corazón (30 de xullo).
“Imponse a visión dun único grupo político sen recoller nin un só argumento dos outros cinco da corporación”, advertiu.
Outros exemplos que agregou Castiñeira foron as notas de prensa tituladas A actitude de Feijoo fronte aos incendios e o sector lácteo demostra que “se agocha ante os problemas do país” (14 de agosto), O Concello denuncia a nova inxustiza de Rajoy cos xubilados lucenses, que en 2016 cobrarán 1,5 euros máis de media ao mes (7 de agosto), Feijoo tardou 6 anos en darse conta de que o problema do lácteo é un problema de país, lamenta o edil de Medio Rural (6 de agosto), Miguel Fernández: Rajoy somete de novo aos lucenses a unha intolerable discriminación nos Orzamentos (5 de agosto), O Concello ve “intolerable” que Rocío Mosquera poña en dúbida a continuídade do sistema sanitario (24 de xullo) ou A alcaldesa considera unha falta de respecto aos veciños” a visita de Mosquera (15 de xullo).
“Son seis exemplos de ata que punto chega a manipulación e o intento de impoñer unha postura única, confundindo o Concello coa acción dun grupo político”, subliñou.
A estes casos, Jaime Castiñeira engadiu outros. Asemade, os populares animaron aos socialistas a facer un “uso máis prudente e menos belixerante cando se trata de iniciativas dun goberno respecto doutras administracións, igual de lexitimadas e que requiren da mesma mínima lealtade”.
Ante esta situación, os populares trasladarán ao vindeiro pleno unha iniciativa para a elaboración dun código de boas prácticas para a web municipal, de xeito que se estableza “claramente que contidos deben ir no portal institucional e cales nos dos respectivos grupos políticos, así como os enfoques e o tratamento que deben primar”.