Onte tivo lugar na Galería Sargadelos, a presentación do poemario “Terra fría” do coruñés, Miguel Mato Fondo.
Miguel Mato é un escritor moi ligado á provincia de Lugo, pois foi profesor de literatura no Instituto de Sarria durante varios anos, onde participou en recitais colectivos, tanto na vila sarriá como na capital da provincia. No acto estivo acompañado polos poetas Xavier Rodríguez Barrio e Eloi Caldeiro, así como do director da editorial Caldeirón, Paco Souto.
Na presentación falou o editor quen se congratulou de contar coa sinatura de Mato na colección de poesía que dirixe e resaltou outra serie de poetas que figuran neste mesmo selo. Rodríguez Barrio destacou do poemario a visión escura e triste que transmite o libro con poucas concesións á esperanza ou a unha visión optimista do mundo. Tamén destacou a vinculación coa música a traveso de homenaxes a poetas que foron músicos, como o caso de Luísa Villalta ou referencias a músicos do rock como Tom Waits.
Xa para rematar Caldeiro aseverou que en realidade os poemas deixaban ver a frustración do poeta, que representa dalgún xeito, a toda unha xeración de escritores galegos que puxeron grandes esperanzas e traballaron para que a cultura e a lingua se situara como estandarte do país, e pasado o tempo toda esa loita non agromou como eles pensaban. Tamén apelou ao tempo pasado, moito del tamén perdido, as máis das veces, por non ter afrontado a realidade que se estaba a producir. E todo iso xera melancolía.
Pechou o acto, Miguel Mato, recitando unha escolma de poemas do libro e agradecendo ao público a súa presenza no acto.