Na xuntanza do Foro de Igualdade, celebrada esta mañá no concello de Lugo, o BNG – Asembleas Abertas propuxo a programación de teatro de rúa para os actos do 25 de novembro. A iniciativa dos nacionalistas aposta “por levar ás rúas da cidade unha serie de microespazos teatrais nos que se denuncie a situación que viven moitas mulleres que padecen a violencia machista nas súas diferentes manifestacións”.
A proposta presentada pola edil Maite Ferreiro ten por obxectivo “ que se visibilice na rúa o drama que sofren as vítimas do terrorismo machista”. Ferreiro sinalou que “é importante que dende os grupos con representación na corporación fagamos propostas para amosar a nosa preocupación sobre esta lacra social e tratar de trasladar á sociedade o que debe ser unha preocupación xeralizada”.
Ademais, Maite Ferreiro, presentou un rogo para que o goberno municipal teña “unha especial sensibilidade coa música que se utiliza nas actividades das ociotecas e centros sociais”. Ferreiro sinalou que “en determinadas actividades se utilizan temas musicais con letras que teñen unha clara compoñente machista ou de incitación á violencia de xénero”.
Doutra banda, o BNG – Asembleas Abertas rexistrou un rogo dirxido ao pleno da corporación para que se inicien os traballos e xestións necesarias para actualizar o PEPRI. Segundo Rubén Arroxo “este documento foi redactado fai vinte anos e a día de hoxe precisa dunha actualización”. Arroxo dixo que ““non actualizar o PEPRI significa condenar o casco histórico a unha enfermidade terminal”.