O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este martes o seu primeiro encontro co Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, e co Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, no que abordaron as prioridades para o 2016.
Deputación e USC acordaron continuar co desenvolvemento do Plan de Choque en impulso da Universidade luguesa. Campos Conde adiantou que para elo o organismo provincial achegará outros 350.000 euros no 2016. Ambas as dúas institucións, que manterán as colaboracións que todos os anos xa financia a Deputación, estudan, ademais, intensificar as súas vías de cooperación o vindeiro ano.
Deputación e USC asinaron no 2014 un protocolo de colaboración para a posta en marcha dun Plan de Choque no Campus de Lugo. Fixérono tendo en conta a constante perda de alumnado, que na última década e no conxunto dos Campus da USC en Galicia se reduciu nun 50%.
Dende entón, Deputación e USC puxeron en marcha campañas de promoción de Lugo como cidade universitaria, ofreceron descontos do 50% na matrícula para primeiros estudantes en 10 Graos do Campus, un Plan de Captación de Talento para custear integramente a matrícula dos mellores expedientes de BAC, FP e Grao, bolsas para fomentar as titulacións de Máster ou para os cursos de verán, entres outras actuacións
As 13 medidas que contempla o Plan de Choque son as seguintes:
1.- Realización de plans de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do Campus de Lugo.
2.- Plans de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda.
3.- Plans de captación de estudantes doutras nacionalidades.
4.- Plans de apoio para as prácticas de campo.
5.- Plans de bolsas de investigación en grupos.
6.- Fomento das titulacións de Máster.
7.- Potenciación dos cursos de verán na provincia de Lugo.
8.- Estudos sobre a posibilidade de utilizar a Granxa Gayoso Castro para a realización de prácticas universitarias.
9.- Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías.
10.- Incentivos de Traballos de Fin de Grao e Traballos Fin de Máster.
11.- Impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos.
12.- Estudo sobre a posibilidade de incrementar os fondos existentes na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.
13.- Análise das infraestruturas deportivas e docentes.