Os concelleiros de Lugonovo veñen de rexistrar unha pregunta para que no vindeiro Pleno o equipo de goberno aporte información sobre o número de horas extra que os traballadores municipais fan anualmente, así como os cartos que a administración local inviste nos pluses de produtividade.
“Consideramos que a nosa obriga, como oposición, é a de vixiar e controlar a xestión que se fai do diñeiro público. E por iso, e a prol de mellorar tamén a transparencia coa que opera o Concello, solicitamos por escrito esta mañá os datos relativos a esta cuestión que, entendemos, supón un gasto considerable para as arcas municipais”, sinala o portavoz da formación, Santiago Fernández Rocha.
Neste senso, Lugonovo traslada unha batería de cuestións “orientadas a esclarecer a responsabilidade de quen determina as horas extra e a produtividade asignada a cada departamento; os criterios empregados para distribuílas; se existe algún límite mensual ou anual que non se poda superar ou se tódalas horas teñen o mesmo valor económico ou éste ven determinado por condicionantes como poden ser o posto de traballo, ou os horarios nos que se levan a cabo”.