A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o presidente do colectivo lugués SOMOS unidos por el cáncer, José Manuel Vázquez, presentaron este mércores no Salón de Plenos o proxecto Unha carta a Papá Nöel. O Concello colabora con SOMOS nesta iniciativa que pretende concienciar das dificultades que viven os nenos e nenas que sofren cancro así como as súas familias.
No acto de presentación, González Abelleira puxo en valor esta nova “aventura solidaria, chea de ilusión e fantasía, levada a cabo por SOMOS, un colectivo de gran influencia na sociedade luguesa, que traballa por sensibilizar á cidadanía sobre o cancro infantil”.
Pola súa banda, Vázquez agradeceu a colaboración das máis de 50 asociacións, institucións e empresas que fan posible sacar adiante este proxecto, que naceu hai un ano da man de Félix Amor, quen tamén estivo presente no acto.
De Lugo a Laponia
O proxecto de SOMOS unidos por el cáncer busca facer chegar a Papá Noel unhas 3.000 cartas de nenos e nenas de todos os hospitais de España diagnosticados de cancro. Tras recoller por toda Galicia as cartas dos cativos hospitalizados, Félix Amor e Conchy Marrero sairán de Lugo rumbo a Laponia para entregar a Papá Noel ditas cartas.
A saída será o día 21 de novembro dende o Centro Comercial As Termas, nun acto que contempla actividades de danza, clases de hip-hop e unha sesión de zumba a cargo do club deportivo Star Dance, tal e como avanzou no acto Rubén Machado, representante de dito club.
Máis tarde, Amor e Marrero realizarán paradas en Madrid, onde se recollerán as cartas de todos os nenos do sur, e logo en Barcelona, lugar de recollida das cartas procedentes do norte. Previsiblemente chegarán a Laponia entre o 6 e o 8 de decembro tras recorrer 5.000 quilómetros por Francia, Suíza, Alemaña, Polonia, Lituania, Estonia, Letonia e Finlandia. Amor e Marrero viaxarán a bordo dun vehículo de 1996, posto que “non é unha viaxe de pracer, é unha viaxe para reflectir a dificultade que viven os cativos e as súas familias cando teñen que irse a un hospital”, segundo avanzou Félix Amor. O percorrido será retransmitido día a día na páxina web http://www.unacartaapapanoel.com/.
Unha vez en Laponia, achegaranse á casa de Papá Noel para entregarlle as cartas nun trineo tirado por renos e logo volverán a Lugo, recorrendo outros 5.000 quilómetros por Suecia, Dinamarca, Alemaña e Inglaterra, onde collerán un ferry ata Santander. A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, xogará un importante papel para que este proxecto sexa inesquecible, ao encargarse de facer un repaso audiovisual da aventura.