O BNG – Asambleas Abertas demandará, na Comisión de Benestar, información sobre a execución do plan integral que o pleno aprobou para a zona de Lamas de Prado. Maite Ferreiro lembrou que no pleno municipal do pasado 2 de marzo de 2015 foi aprobada unha proposición do grupo municipal do BNG para desenvolver un plan integral no barrio de Lamas de Prado.
Ferreiro sinalou que “existe, de forma xeralizada, na zona un abandono das rúas, falta de limpeza, e presenza de barreiras arquitectónicas, que poñen en evidencia a falta de atención a unha das zonas con maior número de poboación do concello, á que lle hai que engadir que se trata dun barrio que acolle a un grande número de residentes con problemáticas sociais específicas derivadas da concentración de vivendas sociais”.
Este plan integral contempla un estudo cuadrienal de actuación comunitaria no distrito de Lamas de Prado dirixido por profesionais do Concello en colaboración coa poboación, comunidades de veciños e asociacións para mellorar a calidade de vida da veciñanza. A edil nacionalista afirmou “a necesidade dun plan de limpeza específico consistente por un lado na eliminación de vertedoiros incontrolados e no incremento da limpeza viaria”.
Outra das necesidades salientadas é a realización dun plan de mellora viaria que inclúa a rehabilitación integral das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e mantemento adecuado de todo o mobiliario urbano, incluíndo a atención das zonas verdes e areas de xogo infantil, e a aplicación de medidas fitosanitarias adecuadas que permitan o uso do mobiliario urbano e a minimización das molestias aos veciños e veciñas das vivendas máis próximas a dito arborado.
Cumprimento dos acordos plenarios
Maite Ferreiro indicou, tamén, que o BNG – Asembleas Abertas vai estar atento ao cumprimento dos acordos tomados no pleno “para que se cumpran”. Ferreiro afirmou que “é responsabilidade do goberno executar os acordos e da oposición estar vixiantes para que se executen” e engadiu que “o PSOE ten moita facilidade para prometer e despois non cumprir e iso sabémolo ben”.