ACE-EU ven de emitir un comunicado sobre o sexismo no municipio de Lugo, un municipio, denuncian, ateigado de numerosos cartaces e vallas publicitarias que empregan a imaxe sexista da muller como reclamo dos establecementos de ocio é incompatible co obxectivo de tolerancia cero coa discriminación machista e a sensibilización na cultura da igualdade que se pretende co Pacto por un Lugo libre de violencia machista subscrito polo Concello no Foro de Igualdade celebrado esta semana.
“A publicidade sexista de gran formato que enche os valados situados nas principais entradas da cidade, nas que se anuncian determinados clubs, non fai máis que perpetuar a imaxe da muller como obxecto de consumo” apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Este tipo de publicidade sexista, que tamén se coloca en portais e vehículos estacionados na rúa, e que xa é tradición que en datas sinaladas como as festas de San Froilán e Arde Lucus inunde ata o último recuncho da nosa cidade, non só fomenta a desigualdade entre mulleres e homes, ao degradar a condición de muller e atentando así contra a súa dignidade, senón que afonda na explotación sexual e sostén o negocio da prostitución e do tráfico de mulleres, un dos xeitos de violencia machista máis extremos”.
Ademais de vulnerar a Lei 7/2011 de Turismo de Galicia e a Lei 34/1988 Xeral de Publicidade, estes anuncios supoñen un nefasto exemplo educativo para xente máis nova e manteñen os estereotipos que orixinan a violencia machista, por iso ACE-EU anima ao goberno local a desenvolver o marco normativo existente a través da correspondente ordenanza municipal.