A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Membro da Real Academia de Ciencias, Antonio Rigueiro, presentaron este luns a 26º edición do ciclo de conferencias Dr. Luís Asorey García, que organiza a Real Academia en colaboración coa institución provincial e USC. Nesta edición, o tema central das 7 charlas e conferencias, que terán lugar no Salón de Actos da Deputación entre os días 16 e 25 de novembro, versará sobre a biomasa forestal e bioenerxía en Galicia.
López Izquierdo salientou que o organismo provincial colabora con esta iniciativa que se leva celebrando dende 1985 porque “afonda en aspectos moi interesantes para o desenvolvemento da nosa provincia, como é o aproveitamento da biomasa como fonte de enerxía limpa e que servirá para impulsar o desenrolo económico deste sector forestal, así como dos secundarios”.
A Deputada destacou que “ca grave problemática que temos non só na provincia, senón no país, cos incendios forestais a xestión da biomasa axudará a limpar os nosos montes, evitando así a proliferación de lumes”. Asemade tamén quixo establecer a bioenerxía como “un dos posibles camiños de futuro para xerar riqueza e emprego, impulsando un tecido empresarial estable en sectores como o forestal, máis tamén no enerxético e no agrícola”.
Pola súa banda, Antonio Rigueiro, agradeceu a colaboración da Deputación e o compromiso que ten o organismo provincial coa Real Academia de Ciencias na organización deste ciclo de conferencias, que “axudarán a favorecer o desenvolver de xeito sostible do patrimonio natural do país”.
O prazo de inscrición está aberto. Os interesados en participar no ciclo de conferencias Luís Asorey que terá lugar no Salón de Actos da Deputación, deberán cubrir e presentar no Rexistro Xeral o formulario que alí se encontra.