A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda na cidade episcopal para tratar asuntos de interese para a localidade. Candia felicitouse pola boa disposición de Ethel Vázquez sobre os asuntos que trataron.
En concreto, a rexedora trasladoulle a importancia de poñer en valor, en canto sexa posible, dos inmobles que a consellería ten en Mondoñedo, nomeadamente no Barrio dos Muíños. Ethel Vázquez informou a rexedora do seu compromiso para comezar “nun breve prazo de tempo” a redacción do proxecto básico de execución nos edificios da rúa Muíños 26 e 28, asemade informou á alcaldesa de que se procederá do mesmo xeito noutro inmoble da mesma rúa.
Candia deulle conta tamén á titular do departamento autonómico do interese amosado por particulares en adquirir algún dos inmobles, solicitándolle que o departamento autonómico que dirixe estude esa posibilidade.
Ambas as dirixentes aproveitaron o seu encontro para abordar a situación doutro edificio sito na finca da rúa Matadoiro 1, que a consellería adquiriu anteriormente. A rexedora manifestou o seu interese porque este espazo, “se poña en valor a través da creación dunha área recreativa no contorno da Ponte Pousa “pola súa singular beleza.
A primeira edil mindoniense trasladoulle tamén á conselleira a necesidade de construír unha senda peonil dende o quilómetro cero da estrada 124, na glorieta de San Lázaro, ata as instalacións deportivas,”por ser este un lugar paseo moi habitual”, así como que se prosiga co arranxo da estrada 124 na parte da Avenida Bos Aires.
“A valoración da xuntanza non puido ser máis positiva, posto que a conselleira foi receptiva con todas as nosas demandas, comprometeuse ao seu estudo e confiamos en que todas elas teñan resposta nun prazo breve de tempo”, concluíu a alcaldesa.