Os industriais da Praza de Abastos atenderán dende mañá e durante 33 días na Praza da Soidade e no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros, por mor das obras de modernización da Praza, que contan cun orzamento dun millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a través do Plan Urban. Trátase dunha reubicación sen ningún custe para os industriais. A localización, no mercado municipal de Quiroga Ballesteros (os negocios de peixe e carne) e baixo unha carpa na Praza da Soidade, decidírona por maioría os propios comerciantes nunha reunión celebrada o 26 de outubro coa Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.
Durante os 33 días de peche, a empresa adxudicataria acometerá obra por valor de 560.000 euros, a metade do orzamento total do proxecto, que persegue mellorar a competitividade e o posicionamento dos negocios actuais, así como a propia imaxe da praza e busca favorecer o desenvolvemento da economía local. Os comerciantes volverán a ocupar o seu posto habitual na praza o luns 14 de decembro, quedando de novo aberta ao público.
A partir de mañá, a zona de aparcamento da rúa Quiroga Ballesteros quedará reservada para os camións frigorífico e para os comerciantes que necesiten ter o seu vehículo industrial de apoio. Non se reserva este espazo para turismos.