O BNG – Asembleas Abertas propuxo que se realice un maior control para liberar a rúa Menorca da presenza de vehículos. Rubén Arroxo sinalou que “hai que facer peonalizacións efectivas e o concello pode buscar solucións alternativas para dar solución aos problemas de aparcadoiro”. Arroxo lembrou que “xa durante a campaña presentamos diversas propostas para que o concello chegue a acordos con propietarios de terreos baleiros que se poderían utilizar como aparcadoiros disuasorios”.
Para os nacionalistas “é necesario avanzar nunha humanización real da cidade”. Ata agora os diferentes gobernos municipais realizaron obras nas rúas para que estas fosen peonís pero non se puxeron os medios de vixilancia precisos para promover que as persoas teñan prioridade. Arroxo dixo que “a rúa Menorca é un exemplo desas rúas que se peonalizaron pero non sei fixo a política educativa necesaria para que evitar que os vehículos volveran a invadila diariamente”.
Arroxo esixiulle ao goberno municipal que aplique a lexislación e faga respectar a normativa para que “Lugo sexa unha cidade máis habitable e amable coas persoas”. “Ademais da vixilancia e do coidado das zonas peonís no centro da cidade hai que facer un esforzo para manter libres as rúas que están nos barrios e que son as que lle están a dar vida” dixo Rubén Arroxo.