En resposta ás peticións nos Orzamentos Participativos, o Concello de Lugo organiza o I Torneo Internacional San Froilán de Xadrez, que terá lugar entre os días 13 e 15 de novembro. Deste xeito, o concello continúa a executar os 59 proxectos solicitados polos lucenses, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, subliñou a importancia deste tipo de eventos para os amantes do xadrez e manifestou o apoio do Concello a este deporte.
O Centro Xuvenil Lug 2 acollerá este torneo, que reunirá en Lugo a uns 80 xogadores de máis de cinco países. O campionanto, que será válido para a Federación Internacional de Xadrez (FIDE), xogarase en sistema suízo e todos os participates disputarán cinco rondas. Para cada partida, os xogadores disporán de noventa minutos. Para poder xogar o torneo, os xogadores deberán estar federados. As rondas disputaranse o venres, 13 de novembro, ás 17:00 horas, o sábado, 14, ás 10:00 e 17:00 e, finalmente o domingo 15, ás 10:00 e 16:00 horas.
Paralelamente ao I Torneo Internacional San Froilán de Xadrez levarase a cabo un torneo para a canteira lucense, o I Torneo Escola San Froilán. Este torneo terá lugar o 14 de novembro a partir das 16:30 horas nas mesmas instalacións que o Internacional de xadrez. Xogaranse tamén cinco rondas, que se dividirá nas seguintes categorías, sub 8, sub 10, 12, 14 e 16 e familiares.
Todos os interesados en participar en calquera destes dous torneos poden inscribirse de xeito gratuíto en xaquedrum@gmail.com