Hai anos, os negocios entre empresas e particulares facíanse a través de letras de cambio negociadas polos bancos que, previo pago, adiantaban o diñeiro aos libradores xestionando o pago polos librados. E as letras vencían en data fixa (xeralmente a trinta días), ou móbil, polo funcionamento das comunicacións, e en moitas ocasións o vencemento era “a oito días vista”, o que quería dicir que en canto a letra estivera na man do cobrador, presentáballa ao deudor e, unha vez vista, debería aboala aos oito días.
Esta columna publicase o 30 de xaneiro, polo que temos as eleccións a 20 días vista, contado o de hoxe e o das votacións. E aínda sabendo que nos quedan por recibir milleiros de notificacións, xa nos tarda o 18F para votar e volver á relativa tranquilidade que os tempos permiten, anceiar que pase axiña o lance porque xa pesa a campaña electoral aínda non iniciada.
As eleccións non se gañan no último repentón, e se se gañan é porque aínda somos novicios despois de case medio século de democracia. O votante informado, formado, non vota en base ás promesas da campaña electoral, porque nese terreo e nese tempo a todos se lles quenta a boca e as promesas soños son. O voto temos que depositalo conscientes, seguros, libres; en base ao coñecemento e á experiencia; en base aos feitos, o traballo e a honradez; ao comportamento e ás traxectorias persoais. Se fose así, as campañas só serían unha obriga legal informativa como complemento á experiencia de cada quen.
Temos que votar con sentidiño, sabendo o que nos xogamos co noso voto. Temos vinte días para cavilalo porque, vistas xa todas as letras, só nos falta pagalas coa moeda do voto.