A 45ª Semana de Cine de Lugo, regresa á súa cita anual co público do 18 ao 23 de setembro. A carteleira inclúe 135 títulos que poderán verse en cinco espazos da cidade, aos que este ano se suma o salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, que acollerá o ciclo dedicado aos irmáns Pepe e Jorge Coira. Tamén haberá proxeccións na biblioteca pública provincial, o auditorio Gustavo Freire, o salón de actos da Deputación e o Vello Cárcere.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa xunto ao resto de representantes institucionais e a Manuel Curiel, coordinador da iniciativa; e Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, que impulsa a celebración deste certame audiovisual desde 1979.
A carteleira está organizada en varios ciclos: Infantil, O mellor do ano, Sección oficial, Cine documental, Homenaxes, As curtas tamén son cine, Cine galego, Portugal e Retrospectiva dos irmáns Coira. Este último inclúe unha selección de seis títulos que se proxectarán no edificio da Xunta os días 19, 20 e 21: os documentais Eloxio da distancia, A Seara e Beiras, vivir 2 veces; e os filmes 18 comidas, Eroski Paraíso e Código Emperador, a última película estreada en cinemas dirixida por Jorge Coira e protagonizada polo tamén lucense Luis Tosar.
Tamén se desenvolverán outras actividades paralelas como presentacións, charlas, debates cinematográficos e homenaxes; e proxectaranse películas en Aspnais e en centros penitenciarios dentro do ciclo especial Deixade que o cine…