O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este xoves no Club Kayak de Foz, a 56 edición da Travesía de Foz, que terá lugar este sábado, 8 de setembro, a partir das 16:30 horas. O evento deportivo reunirá a preto de 400 padexeiros, competindo en máis de 250 embarcacións de 30 equipos, chegados de toda Galicia e de Asturias. Na presentación tamén participou o Presidente do Club Kayak de Foz, Nacho Romillo, xunto a outras autoridades.
O Goberno da Deputación patrocina esta proba deportiva cunha achega 7.000 euros. Este investimento permite a organización desta tradicional Travesía, a terceira proba deste tipo máis lonxeva de España e a segunda de Galicia, posto que se organizou por primeira vez no ano 1962 e, dende entón, veuse disputando de maneira ininterrompida ata a actualidade.
Campos Conde remarcou que “para o Goberno da Deputación é todo un orgullo poder patrocinar esta cita deportiva que conta con tantos seguidores, tanto de Galicia como do norte Peninsular, e que xa é un todo un referente no mundo do piragüismo. Ademais, ao longo desta fin de semana, centos de persoas visitarán a vila de Foz, con motivo deste evento deportivo. Por iso, esta Travesía convertese nunha boa oportunidade para promover e dar a coñecer non só este municipio, senón tamén o conxunto da Comarca da Mariña, xerando, ao mesmo tempo, un importante retorno económico polo volume de persoas que reúne entre participantes e espectadores”.