A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada dos responsables dos tres balnearios que participan no programa, presentou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a 5ª edición de Termalismo no Camiño, o programa de saúde mineromedicinal organizado pola institución provincial e que fai da provincia epicentro do turismo termal.
A Vicepresidenta destacou que “arrancamos unha nova edición desta programación logo do éxito das anteriores convocatorias, coas que preto de 4.000 persoas accederon a instalacións termais da provincia con importantes descontos. Con Termalismo no Camiño impulsamos, ademais, un sector clave para a económica, como é o termal, que xera riqueza e emprego, combatendo o despoboamento demográfico. Unhas 150.000 persoas visitan ó ano Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, posto que conta con 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen. Lugo conta, a maiores, con balnearios ó pe dos 800 quilómetros de rutas de peregrinación, convertendo á provincia nun destino de indubidable interese para este tipo de turismo desestacionalizado, tanto a nivel nacional como internacional. Hai que destacar, ademais, que os balnearios son exemplo de modelo de empresa sostible, garantindo o futuro do recurso e fixando poboación grazas á creación de emprego local”.
Con esta nova convocatoria, a institución provincial lucense pon a disposición dos lucenses maiores de 50 anos un total de 1.200 prazas para acceder, entre os meses de maio e decembro, aos tratamentos ofrecidos en tres balnearios da provincia: Augas Santas, Río Pambre e Lugo.
Termalismo no Camiño ofrece descontos de ata 60 euros en 1.200 prazas en balnearios lucenses dos seguintes paquetes de prestacións:
6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
8 técnicas de balneario
1 recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves: programa de animación sociocultural
beneficiario poderá acudir cun acompañante, que poderá participar no programa aínda que non cumpra os requisitos de ter máis de 50 anos e estar empadroado na provincia.
Por vez primeira, e para achegarse ao maior número de lucenses posible,Termalismo no Camiño ofrecerá atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, garantíndolles a
asistencia para o acceso a piscinas e habitacións, así como programas especificamente deseñados para persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, con contornos adaptados e favorecedores do descanso de familiares e coidadores. Para beneficiarse destas vantaxes só será necesario que o beneficiario acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e presente un informe médico favorable.
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns. Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou entidades, presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www. deputacionlugo.gal, xunto cun certificado de empadroamento e unha fotocopia do DNI.
Unha vez seleccionados, os propios participantes ou ben un familiar directo, deberán recoller na Deputación (Servizo de Relacións Institucionais) os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea.
Máis información en www.deputacionlugo.gal e no 982 260 075.