A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión co Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, dentro da toma de contacto da rexedora co tecido asociativo da cidade. Méndez destacou a importancia deste colectivo na vida diaria da cidade, “un colectivo veciñal moi activo, ademais de ser o máis numeroso de Galicia, que simboliza ao mesmo tempo tanto a realidade do medio rural como a do urbano”.
A federación aúna a representación de 200 asociacións e 20.000 veciños da provincia, e máis concretamente, a 120 asociacións e 15.000 veciños do Concello de Lugo, segundo indicou o propio Jesús Vázquez.
Logo do encontro, Méndez adiantou que “escoitar ao tecido asociativo do Concello é esencial para promover iniciativas de futuro para o noso municipio”, ao tempo que se comprometeu a apoiar as reivindicacións que lle transladou Vázquez, tales como a mellora do saneamento no medio rural, o impulso da participación cidadá, a continuidade dos orzamentos participativos ou a posta en valor dos barrios da cidade.
Outras das cuestións tratadas neste “encontro frutífero”, tal e como o definiu Méndez, foi a posta en marcha dunha plataforma para reclamar servizos ferroviarios para Lugo. Vázquez adiantou que “coindindo co 140 aniversario da chegada do tren a Lugo, a Federación impulsará unha plataforma para pedir tren de cercanías para a cidade, a chegada do AVE e a estación intermodal”.
A Alcaldesa, que foi invitada pola Federación para que lidere este movemento, subliñou que “non nos podemos permitir que Lugo sexa a única capital de provincia galega que se quede sen estes servizos”.
Méndez e Vázquez reivindicaron así mesmo á Xunta de Galicia a creación dunha residencia da terceira idade na cidade. “Dende 1977, e xa van 38 anos, Lugo non conta cunha residencia pública para os nosos maiores. Os dous anos e medio de espera para poder entrar na Residencia das Gándaras demostra a necesidade desta infraestrutrua. Pero a Xunta mira para outro lado, e para poder suplir estas carencias víronse obrigados a crear 20 residencias concertadas na comarca de Lugo”.
Doutra banda, Lara Méndez cualificou este mércores de “falta de respecto aos veciños”a visita á cidade que fixo onte a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por “vir a Lugo para ofrecernos o servizo de Radioterapia como se fose un privilexio, cando é un dereito dos cidadáns, e cando ademais chega, se é que se cumpren os prazos, case 5 anos tarde dende a promesa que fixo o Presidente da Xunta no 2011”.