O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou hoxe en rolda de prensa que pedirá a comparecencia de Lara Méndez en pleno para que dea as explicacións oportunas sobre os motivos que tivo para
“facer oídos xordos” as reiteradas advertencias enviadas por traballadores municipais sobre o uso fraudulento que se estaba a facer das marquesiñas municipais de publicidade e da necesidade de sacar a licitación deste contrato.
Antonio Ameijide afirma que nesta ocasión á alcaldesa “non lle van valer as evasivas” nin alegar descoñecemento xa que “nos consta” que hai unha serie de correos electrónicos remitidos á Lara Méndez, á concelleira de Economía e, incluso, ao xefe de gabinete de alcaldía alertando da situación de caducidade na que se atopaba o contrato da marquesiñas de publicidade e dos mupis e do uso fraudulento que se realizaba dos mesmos.
O voceiro popular desvela que o xefe de contratación enviou unha providencia á alcaldesa, sete meses antes de que caducara o contrato, para alertarlle do próximo vencemento do mesmo polo que a convidaba a iniciar o proceso de licitación do novo contrato “con antelación suficiente”.
Máis tarde, o 19 de febreiro de 2017, o xefe de contratación resposta a unha serie de preguntas da concelleira de Economía, Ana Prieto, asegurándolle que os elementos de publicidade obxecto deste contrato son propiedade municipal e o Concello ten que sacar adiante o novo contrato de publicidade. Respostas remitidas a través dun correo electrónico que tamén se enviou ao xefe de gabinete de alcaldía, persoa que respondeu, “quizais máis preocupado por engrosar a candidatura socialista ás municipais que por facer o seu traballo”, que o contrato de publicidade “é un dos que fai cidade e que hai que facer algo bo”, pero non explicou “nin cando nin como”.
Antonio Ameijide asegura con rotundidade que se demostra que nin Lara Méndez nin ninguén do goberno local teñen “interese” en regularizar a situación na que viven os contratos no Concello de Lugo. “As reiteradas advertencias que se remitiron a Lara Méndez, Ana Prieto e o xefe de gabinete de alcaldía demostran que están a permitir un enriquecemento ilícito da empresa coa complicidade do goberno local, por iso mesmo queremos que Lara Méndez compareza no pleno para dar explicacións sobre os motivos de permitir este uso irregular”, afirmou o popular.
A solicitude de comparecencia vén forzada pola “ausencia de explicacións públicas” de Lara Méndez neste asunto e tamén nas irregularidades detectadas no aparcadoiro público da praza Viana do Castelo. Ademais, o voceiro popular tamén confirmou que trasladará a documentación deste caso aos servizos xurídicos do PP para preparar a documentación e entregala nos xulgados lucenses xa que “é un caso claro de neglixencia e unha posible prevaricación” e que se xuntará á denuncia penal en curso, que presentou o PP contra a alcaldesa polos contratos caducados, por presunta prevaricación e malversación de fondos públicos e que xa ten dilixencias abertas.