A alcaldesa de O Valadouro, María José Fernández (UDIVAL), anuncia que renuncia á alcaldía por “total perda de confianza nos concelleiros do grupo do PSdeG-PSOE” e que deixará que ocupe á alcaldía José Manuel Lamela do Partido Popular, o número un da lista máis votada nas pasadas eleccións do ano 2023. Será nun pleno extraordinario que se celebrará este venres 13, cando se fará efectivo a renuncia da alcaldesa.
Así o adiantaron nun comunicado conxunto da actual alcaldesa e o concelleiro do PP José Manuel Lamela no que ademais de presentar a renuncia, comunica que tamén ven de cesar a primeira e segunda tenencias de alcaldía designadas nos concelleiros María Xosé Barreira (PSdeG-PSOE) e don Eduardo Chao (BNG), respectivamente, e de revogar a delegación de funcións nos concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE (dona María Xosé Barreiro e don Alejandro Fernández) e BNG (don Eduardo Chao e don Eliseo Teijeiro).
Posteriormente e tal e como indican no comunicado “para a construción e desenvolvemento dun proxecto de futuro para o noso concello poñendo como prioridade os intereses dos veciños e veciñas, os concelleiros de ambas formacións apoiarán a candidatura á alcaldía de José Manuel Lamela, cabeza de lista da candidatura máis votada nas eleccións municipais do 28 de maio de 2023, nun novo pleno de carácter extraordinario para elixir novo alcalde e que se celebrará coa maior brevidade posible, e nun prazo máximo de 10 días atendendo ao artigo 40.5 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF), asumindo o Partido Popular a alcaldía do Concello do Valadouro”.
María José Fernández Díaz seguirá traballando na súa condición de concelleira elixida pola candidatura de UDIVAL.