A alcaldesa de Vilalba vén de solicitar á Consellería de Sanidade un cribado tras o incremento notorio de casos poucos días antes das datas clave do Nadal, que case duplicaron en menos de 24 horas, pasando de 24 a 45 positivos rexistrados a día de hoxe.
Segundo explicou a rexedora, “sabemos que hai preocupación veciñal polos casos que están saíndo”, situación ante a que traslada “unha mensaxe de prudencia e responsabilidade” pedindo “ás persoas que están dando positivo nos test de antíxenos que se confinen”.
A petición realizada ao Sergas vén motivada “porque estes días haberá reunións familiares e queremos previr, dentro das posibilidades existentes, a propagación do virus”. Así, ofrecen á Consellería “todos os medios que temos no concello, colaboración e o que sea preciso para facer o cribado canto antes”.
Nesta liña, lembran a necesidade de “seguir paso a paso as indicacións ante un caso positivo, e actuar con responsabilidade para frear unha posible cadea de contaxios”. Desde o concello agardan unha resposta de Sanidade acorde “ao momento que se prevé na localidade respecto aos contaxios”.