A antropóloga e etnomusicóloga Beatriz Busto Miramontes presentará na Pobra do Brollón o seu libro-CD Pandereteiras de Mens, publicado o pasado decembro por aCentral Folque. A presentación será este sábado 19 ás 20:30 na Casa da Cultura Olga Novo e rematará con foliada.
O libro profunda na vida das cinco Pandereteiras de Mens, que dende a comarca de Bergantiños, cruzaron fronteiras e racharon estereotipos coa súa música. Elas son as primeiras mulleres que, sendo labregas, levaron o formato das pandereteiras aos escenarios públicos nos anos 70 e 80.
“Esta presentación é unha homenaxe a todas as mulleres que abriron camiño e permitiron que a nosa música tradicional teña a impacto de hoxe, como estamos vendo co fenómeno Tanxugueiras”, declara o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.
O libro contén fotografías a cor, unha excelsa compilación de músicas e transcrición de letras e músicas en partitura, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa.
A presentación rematará con actuación das pandereteiras de Samoeiro seguida de foliada. Dende a organización se anima aos asistentes a levar os seus instrumentos. “Con este evento retomamos a programación cultural e as implicacións positivas que ten para a vida comunitaria na Pobra do Brollón”, comenta o concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio.
Hai que reservar sitio no teléfono 650 624 828, preferiblemente por WhatsApp. Cumpriranse as medidas sanitarias precisas.