A Apalpadora visitará 18 concellos de Lugo este Nadal. Segundo explicou a deputada de Cultura, Iria Castro, nesta nova edición do programa de visitas da Apalpadora estará en “25 asociacións da provincia”. Esta iniciativa “que puxo en marcha a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, naceu co obxectivo de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal e ofrecer a nenas e nenos unha proposta de lecer en galego nestas datas”.
A Apalpadora acompañou á deputada na presentación desta actividade que comeza este domingo, 10 de decembro, no Vicedo, e rematará o 30 de decembro tras pasar polos concellos de Viveiro, Pol, Foz, Guitiriz, Cospeito, Lugo, Vilalba, Samos, Monterroso, O Saviñao, Mondoñedo, Castro de Rei, Cervantes, Láncara, Castroverde, A Pontenova, Riotorto e Castro de Rei.
A narradora Antía Vázquez, acompañada polo músico André Espiñeira, será a encargada de presentar ás crianzas esta personaxe, un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.
A súa historia transmitiuse a través da tradición, especialmente na zona do Courel e do oriente ourensán. Na última década, asociacións e colectivos culturais de distintos puntos de tomaron a iniciativa para recuperar este personaxe e as lendas e ritos que a rodean.
Iria Castro destacou que se trata dun calendario de visitas que nace “co obxectivo de achegar a nenos e nenas esta figura do Nadal galego e a súa historia” e valorou “a oportunidade que esta personaxe ofrece para reivindicar as nosas tradicións e tamén valores ligados ao coidado do territorio”.
O espectáculo
A filla do coñecido Apalpador toma o relevo do seu pai e baixa das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas.
Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia. Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal.