Hostelería de España e unha representación de todas as asociacións territoriais, entre elas a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), realizaron un acto simbólico esta mañá diante do Tribunal Supremo (Madrid) para facer balance tras un ano da declaración do primeiro Estado de Alarma pola pandemia da covid-19. No acto denunciáronse os duros doce meses que atravesou o sector, atopándose ademais co “muro” das Administracións.
Os datos interanuais do sector mostran que, desde o inicio da pandemia en marzo de 2020, a hostalería sufriu o peche de 100.000 establecementos, e unha perda de máis de 70.000 millóns de euros, o que supón unha caída da facturación que supera o 50 % e nalgunhas zonas, onde o peso do turismo é maior, chega case ao 80 % de caída. Os hostaleiros tamén denunciaron neste acto que a nivel laboral as cifras son moi preocupantes, xa se perderon 300.000 empregos e, xunto cos traballadores en ERTE, o total de postos de traballo afectados achégase aos 750.000.
As axudas aprobadas son moi insuficientes para garantir a supervivencia das empresas e ademais o sector sufriu unha grave criminalización, sendo acusado de ser o foco dos contaxios, cando os informes do Ministerio de Sanidade, concretamente o nº 245 correspondente ao 4 de decembro (último que inclúe información por actividades económicas), rexistraban que menos do 2,3 % dos contaxios se produciron en hostalería, fronte á transmisión en reunións sociais, que continuaba aumentando, sendo o foco de contaxio no 15,3 % dos casos.
Outra demanda que se reclamou no acto é a consideración de sector prioritario e esencial na vacinación ao sector hostaleiro pola súa exposición permanente e nivel de risco de contaxio. Tamén se defenderon outras propostas como as melloras na mobilidade (pasaportes sanitarios, tarxetas de inmunidade e validez de PCR) para incentivar o turismo, a ampliación dos ERTE durante todo 2021 e a eliminación da cláusula de compromiso de mantemento do emprego, así como a conservación das correspondentes axudas aos autónomos.