A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) no impulso do plan integral de emprego Dimo Lugo V, dirixido a ampliar as oportunidades laborais de 100 persoas en situación de desemprego.
O Goberno galego achega con este fin 250.000 euros que fan posible a realización deste programa, que actualmente ten aberta a fase de selección das persoas participantes e que terá unha duración dun ano. Os destinatarios preferentes son: menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas con discapacidade, mulleres e inmigrantes. 70 alumnos participarán nas accións a desenvolver en Lugo capital e 30 nas Monforte de Lemos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe a iniciativa acompañado polo presidente da Apehl, Cheché Real, e por María Castro, orientadora laboral da asociación. O plan incorpora un programa específico de formación e prácticas en empresas que mellorará a cualificación e desempeño dos futuros profesionais da hostalería e restauración, un ámbito de especial importancia nunha provincia con gran potencial turístico e de servizos como é a de Lugo.
As accións formativas son moi variadas e os 100 alumnos participantes teñen a oportunidade de adquirir coñecementos teóricos e prácticos en ámbitos como a manipulación e hixiene alimentaria, alfabetización informática, auxiliar de cociña e sala, camareiro/a de pisos, axudante de cociña e inglés básico para hostalería, entre outros, que se adaptarán en función da demanda e do perfil dos participantes.
Entre as novidades desta edición, destacaron que se poderán obter un certificado de profesionalidade en operacións básicas de restaurante e bar, así como a concesión de bolsas de 5 euros por cada día de asistencia ás accións do programa.
O plan integrado inclúe tamén accións personalizadas de información, orientación e asesoramento nas técnicas de busca activa de emprego, prevención de riscos, obradoiro de entrevistas e competencias dixitais e redes sociais. Ademais a Apehl desenvolverá accións de prospección empresarial, de tal xeito que actuarán como intermediarios entre o demandante de emprego e os empresarios.
Segundo puxeron de manifesto durante a presentación, esta iniciativa busca a inserción laboral como mínimo do 40% dos seus participantes, unha vez finalizado o programa formativo, aínda que a Apehl agarda chegar como mínimo ao 45% acadado na edición anterior.
O programa inclúe tamén, como medida de apoio aos participantes, iniciativas de conciliación, tales como un servizo de gardería ou de coidado e atención de persoas maiores dependentes.
Dec 09, 2019 - 11:16 PM
Esta ben a iniciativa. Pero non esquenceros de ollar, para a situación laboral desta xente. É máis dos que xa están traballando. Por que o sector en Lugo e provincia de moi boa reputación non goza