A área de Muller, Igualdade e Inclusión no Concello de Lugo vén de anunciar a posta en marcha dunha nova actividade, a partir do xoves día 21, dirixida ao fomento da defensa persoal, co obxectivo de previr a violencia de xénero e os casos de bulling.
Trátase dunha actividade gratuíta, dirixida tanto a menores como a mulleres, e que se impartirá todos os xoves, de 19.00 a 20.00 horas, na Casa da Xuventude. A edil de Muller fai fincapé en que “con esta actividade imos intentar dar unhas nocións básicas e técnicas orientadas a impedir unha agresión e sobre todo enfocadas a que as mulleres que participan adquiran un maior grao de seguridade e máis auto protección, de cara a unha posible agresión”.
As persoas interesadas en asistir a esta actividade poderán inscribirse desde mañá na web do Concello, cubrindo un formulario que se atopa no apartado de “a un click” da Concellería de Cohesión Social e Territorial, na que se atopa a súa vez a área de Igualdade, para envialo unha vez cuberto ao correo igualdade@lugo.gal. Tamén poden acceder á seguinte ligazón. As clases comezarán o vindeiro xoves, día 21, e se prolongarán ao longo de todo o ano, seguindo o calendario do curso escolar.
O encargado de impartir estas clases de defensa persoal é o lucense Alejo Crespo, cinto negro, octavo dan e mestre deste arte marcial pola Federación Internacional de Taekwondo. Nun principio, as clases terán un máximo de 30 prazas, e poderán asistir nenos e nenas, a partir de 3 anos, aínda que neste caso e ata os 5 anos, ambos inclusive, deberán estar acompañados das súas nais, sendo conveniente que as proxenitoras adestren nas clases de defensa persoal.
Alejo Crespo, director técnico da Korea Taekwondo Combat Associatión (KTCA), é tamén profesor de defensa persoal en varios colexios da cidade e explica que a idea é aplicar esta arte marcial á defensa persoal, “non para fomentar a violencia, senón a auto protección; a seguridade no caso dos menores que sofren bulling; e no caso de mulleres que poidan ser vítimas dunha agresión, incrementar as súas posibilidades de defenderse ante o maltratador”.