A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a declaración da primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI) no municipio de Castro de Rei, que abarca unha superficie de 13 hectáreas da capitalidade e o seu entorno.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a zona acompañado polo alcalde, Francisco Balado, entre outros. Lembrou que os veciños e veciñas poderán optar ás achegas da Xunta para obras en espazos declarados ARI, que está previsto que se convoquen este mesmo mes e mobilizarán máis de 3,5 millóns de euros.
Os propietarios dun inmoble que desexen rehabilitalo poderán acceder a incentivos de ata 24.000 euros por vivenda. Así mesmo, o concello tamén poderá recibir axudas para actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos neste ámbito, así como para o financiamento da oficina municipal de rehabilitación.
En concreto, na área de Castro de Rei están incluídos 88 inmobles, e estímase que máis de medio cento de vivendas son susceptibles dalgún tipo de rehabilitación ou renovación. Ademais, existen 21 inmobles doutra tipoloxía.
A ARI de Catro de Rei abrangue o ámbito do conxunto histórico, o solo urbano contiguo, o solo de núcleo rural da parte adxacente do núcleo rural de Portomuiño ao Norte, o solo de núcleo rural de Samesugueiras ao Sur, así como o solo urbano inmediato polo sueste ata o cruzamento coa estrada a Prevesos. Esta delimitación forma un conxunto con similares características tipolóxicas, socioeconómicas e de unidade vinculado co conxunto histórico artístico, xerme do núcleo de Castro de Rei.
Con esta declaración, son xa trece os municipios lucenses que contan con algunha área de rehabilitación. Castro de Rei ven a sumarse ás de Chantada, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Quiroga, Sarria, Sober, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Lugo, e a de Guitiriz, declarada o pasado mes de novembro para os núcleos do Buriz e Os Vilares.
Ademais, hai outras zonas da provincia incluídas en dúas ARIS de carácter supramunicipal -xestionadas directamente polo IGVS- como son a dos Camiños de Santiago e a da Ribeira Sacra.