Xosé Chorén será o candidato de Lugonovo para as próximas eleccións municipais. Así o ratificou a Asamblea da Plataforma, celebrada onte, con 23 votos a favor e unha abstención.
A organización daba así o paso necesario para iniciar a carreira electoral e que esixía mudar, con este trámite, a configuración da lista ao Concello encabezada por Cristina Pérez Herráiz que fora elixida por maioría, en setembro, baixo o formato de primarias. Esta mañá, Lugonovo trasladaba aos medios que o cambio de escenario político, a nivel estatal, esixiu á formación dar un xiro para poder afrontar os dous procesos que se aveciñan.
“Levamos moito tempo constatando que Lugo continúa a ser unha das provincias máis infrafinanciadas de España, a cidade tampouco ten un valedor porque o PSOE non se atreveu a facer forza fronte aos seus homólogos do goberno central e a Xunta está moi ocupada boicoteando a acción municipal pensando que con iso van dar azos ao PP local”, subliñou Víctor Álvarez Arias. “Cristina é unha persoa que leva catro anos en primeira liña política e dous como portavoz municipal, o que facía dela un perfil especialmente valioso nun momento en que Pedro Sánchez, acovardado, optou por convocar eleccións sen nin sequera esperar ás municipais. Esa xogada cambiou por completo o escenario e, aínda que non esquecemos que somos unha forza de ámbito local e o noso centro está na cidade, era necesario implicar na política supramunicipal de forma activa a un dos nosos meirandes e máis visíbeis valores”, xustificou o
portavoz da formación.
Chorén Vázquez, xefe de sector das Oficinas de Correos para Lugo e o oeste de Asturias afirma volver á política, “da que levaba apartado sete anos, con moitísima ilusión, con ánimo de darlle continuidade a todo o traballo realizado polo Grupo Municipal neste mandato e coa vontade de mudar a situación deste Concello”. Xosé Chorén lembrou, na súa intervención, que “o centro das políticas de Lugonovo sempre foron e serán as persoas”.
“Por iso seguimos apostando por levar a cabo políticas sociais orientadas a acadar o benestar da poboación, especialmente da máis desfavorecida; políticas de mobilidade sostible, sensibles coa protección medioambiental, coa habitabilidade da urbe, a confección de espazos pensados para o coidado e a convivencia veciñal e nos que o peón é o absoluto protagonista en tanto tódalas dotacións se artellan e operan segundo as súas necesidades de desprazamento e hábitos laborais, de ocio, etc. E tamén políticas económicas capaces de resolver con axilidade non só a tramitación precisa para propiciar o asentamento e prosperidade empresarial, senón tamén para aproveitar as nosas potencialidades: o patrimonio natural do noso Concello e do noso rural, as materias primas e a situación estratéxica da provincia.”
O candidato de Lugonovo á alcaldía da cidade destaca que debe ser o Concello quen promova e promocione todo o rendemento e produtividade do solo industrial do que se dispón nos polígonos do Ceao e As Gándaras como referencia loxística do Noroeste Peninsular.
“É preciso un maior compromiso e sobre todo un compromiso real do resto de administracións que ostentan as competencias na materia, para financiar infraestruturas axeitadas que nos sitúen no mapa estatal e europeo que hoxe esixe a globalización e que garantan a igualdade de dereitos e de prestacións das que dispoñen os residentes de tódolos barrios e tamén de tódalas parroquias sen diferenciación”, indica Xosé Chorén.
“Mais, sen dúbida, detrás de todas esas obras que se deben licitar, detrás dos servizos que se demandan, detrás da xestión administrativa que soporta toda esa burocracia tan esencial seguen estando as persoas: os traballadores municipais. Actualmente mal organizados, en departamentos infradotados, desestruturados e desmantelados, desbordados de tarefas que, estamos seguros, non poden asumir coa eficacia que se lles require. E aí é a onde Lugonovo apuntará primeiro: a construír uns bos cimentos, que dean solidez a este Concello e que o convirtan na administración próxima e efectiva que a cidadanía reclama, merece e necesita”, concluiu.
Lugonovo realizaba onte tamén, ás súas inscritas, unha dación en conta da actividade da Plataforma e do Grupo Municipal que, nestes catro anos, leva presentado un total de 338 iniciativas ao Concello. 112 aos Plenos, entre elas 69 proposicións, e 226 ás Comisións entre rogos (86) e preguntas (140).