A Asociación de Veciños da Milagrosa celebra “30 anos facendo barrio”

A Asociación de Veciños da Milagrosa celebrou na noite de onte unha cea de celebración do 30 aniversario do colectivo de veciños, comerciantes e industriais deste senlleiro barrio que acolleu un coñecido local de hostalería da cidade.

Ademáis de membros da asociación e veciños barrio, na cea participaron representantes dos Gobernos local e provincial. Entre eles atopábase a Deputada de Promoción Interna que felicitou á asociación, á súa directiva, aos socios e socias, e a todos os veciños e veciñas por estes 30 anos de historia, e augurou que a institución provincial e o colectivo seguirán traballando xuntos “para construír un futuro de progreso para o barrio da Milagrosa e para toda a provincia de Lugo”.

Así, segundo lembrou a deputada, o ente provincial mantén coa entidade unha colaboración que se basea “na obriga que temos os representantes públicos de manter un contacto permanente cos veciños e veciñas, xa que non se poden deseñar boas políticas públicas se non se escoita á xente, e os veciños e veciñas da Milagrosa sodes xente reivindicativa, constante, que non deixa de reclamar melloras para o barrio e para o conxunto da cidade, no ámbito da sanidade, da educación, do urbanismo ou dos transportes”.

Asegurou que “30 anos na vida dunha persoa equivale aínda á mocidade, pero cando unha asociación acada as tres décadas de existencia, o que nos demostra é a súa utilidade, o seu bo traballo e o acerto das súas propostas”. A Deputada proxectou “o dinamismo e o compromiso social” como dous dos sinais de identidade que definen este barrio e a súa asociación de veciños. Dixo que “A Milagrosa é, e foi sempre, un barrio de xente traballadora.

De xente que acudía a Lugo a traballar nas industrias dos anos 90. De xente que sempre soubo adaptarse aos cambios, loitar e traballar para saír adiante. Promovendo, por exemplo, unha rica actividade comercial que leva ao barrio a xuntar nas súas rúas un terzo das licencias de comercio de toda a cidade”.

“A evolución da súa poboación, que hoxe equivale á de unha cidade pequena, uns 22.000 habitantes, é tamén un reflexo da historia recente da nosa provincia. A Milagrosa é, e sigue sendo, un barrio de aluvión, un barrio ó que chegaron xentes de toda a provincia que nunca renunciaron ó seu vínculo co rural”, destacou. Puxo o foco na hospitalidade do barrio, que acolleu de igual forma ás xentes chegadas “da Mariña ou da Montaña, que a quen o facía do norte de África ou do este de Europa, o que fai da Milagrosa un barrio multicultural, dinámico e integrador, como un mosaico vivo de culturas”.

Homenaxes e lembranzas

Na cea repasáronse os principais fitos do colectivo e homenaxeouse a persoas socias e colaboradoras, con especial recordo a todas aquelas que deixaron un importante legado nestes 30 anos de andaina. Repasáronse as iniciativas que puxo en marcha a asociación, como a Operación Kilo, a Operación Xoguete, a Feira de produtos do Campo e Artesanía de San Isidro, a Gala do Deporte da Milagrosa ou a Gala de Milagrosistas do Ano, entre outras. O ano de aniversario foi no 2021, pero este encontro conmemorativo non se puido celebrar antes debido á pandemia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com