O presidente da Asociación en Defensa do Parque de Rosalía, Marcos Bourio, así como outros membros da entidade, anunciou hoxe que teñen a intención de reunirse coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para coñecer a súa postura sobre as polémicas Torres do Garañón aínda que aseguran ser coñecedores da “política continuista” da rexedora “que dirá que todo fora perfectamente executado”.
Dende a entidade explican que pretenden trasladarlle a Méndez a denuncia feita pola asociación estes días contra o guindaste das torres, que “está actuando sen licenza e sen as revisións oportunas, habendo orde de retirada do Xulgado de Instrución nº2”. Precisamente a situación da grúa é, para a asociación, a clave da súa ilegalidade. “Se o guindastre, que é a base da obra, está ilegal podemos empezar a explicar por que é inviable esta unidade de actuación”, asegura Bourio.
Do mesmo xeito, a asociación asegura que unha vez se teñan reunido coa alcaldesa van instar a todos os grupos políticos municipais a “desistir do recurso contencioso contra o informe de Cultura”. É dicir, a asociación pretende que a corporación free o recurso presentado polo goberno local contra o informe de Patrimonio Cultural, un informe que era desfavorable ás Torres do Garañón. Ao mesmo tempo, o presidente da entidade arremete contra o PP, asegurando que “está utilizando este asunto politicamente”.
Boiro anunciou tamén a queixa interposta no Colexio de Avogados pola “actuación estelar” de Cándido Conde Pumpido, un dos letrados da defensa do secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro. Segundo a asociación, Conde Pumpido interrompeu unha vista na que a xuíza estaba interrogando a unha testemuña do INE (Instituto Nacional de Estatística) que estaba declarando a través dunha videoconferencia dende Madrid, de forma que o avogado tería aparecido na videoconferencia introducindo outros temas alleos a esa vista. Do mesmo xeito, a asociación asegura que ao remate da vista “nótase unha relación de confianza entre a declarante e Conde Pumpido, o cal é gravísimo xa que o avogado non pode entrar en contacto con testemuñas”.