A asociación #PargaNonSeDivide quere amosar a súa total solidariedade e apoio á veciñanza dos pobos de Celeiro e Baamonde que están a sufrir “un ataque e desmantelamento dos seus servizos similar ao que se vén producindo na nosa propia Vila, e que pon en risco a pervivencia dos nosos pobos”.
“Dende #PargaNonSeDivide apoiamos aos pais e nais do Colexio de Baamonde que vai ser pechado polo interese egocentrista dun alcalde que, lonxe de defender os dereitos e os servizos da súa cidadanía, pretende desmantelalos, co apoio covarde dunha Consellería de Educación que nin tan sequera é capaz de defender unha decisión de tal calado e que se parapeta na maioría absoluta do PP en Begonte para apoiala”, aseguran nunha misiva aos medios.
Por iso, dende #PargaNonSeDivide fan un chamamento á poboación de Parga e de todo o Concello de Guitiriz a apoiar aos veciños e veciñas de Pígara que se concentrarán mañá martes 9 ás cinco da tarde diante do Concello de Guitiriz ante a imposibilidade de acudir a Compostela a apoiar aos seus compañeiros do colexio de Baamonde que farán o propio ás portas do Parlamento de Galicia.
#PargaNonSeDivide quere amosar tamén a súa total solidariedade “fronte á destrución de servizos bancarios que se está a producir en ducias de vilas do país”, nomeadamente en Baamonde e Celeiro onde pechan as únicas oficinas bancarias existentes, “o que sume a esas vilas nunha exclusión bancaria e financeira inadmisíbel” e anima á veciñanza a seguir loitando por tratar de impedir os peches.
Nese sentido, amosa a súa preocupación pola decisión de Abanca de limitar o horario de caixa de 08:30 a 11:00h da mañá en tódalas súas oficinas a partir de xuño e solicitará da entidade bancaria unha aclaración de cal será a situación da oficina de Parga que agora abre de 12:15 a 14:15h e de se poderán facer operacións de caixa nese horario, tales coma retirada de efectivo, ingresos, peticións de cambio para os negocios ou o pagamento de recibos.