A asociación Si, hai saída alerta da desprotección das vítimas de violencia de xénero, mesmo as que están incluídas no sistema VioGén

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, manifestamos, unha vez mais, a nosa indignación e a nosa alarma ante a máis que evidente desprotección a que están expostas as vítimas de violencia de xénero, mesmo ás que están incluídas na base de datos do sistema VioGén, creado, se supón, para valorar o risco que estas corren.

Unha nova e tráxica confirmación do que afirmamos é o crime machista, por mor do cal, a vítima número 39 deste ano 2019, Mª. Pilar C.P. foi brutalmente asasinada pola súa ex parella, malia estar incluída no sistema VioGén por mor dunha anterior agresión non mes de Novembro, e de novo, como tantas outras veces, se fai recaer na propia vítima a responsabilidade de non contar con unha orde de afastamento ou calquera outra medida de protección por non ter denunciado.

É, ademais de sumamente grave, INTOLERABLE E INXUSTIFICABLE, que profesionais dos que se nos repite ata a saciedade a impecable formación que posúen en materia de violencia de xénero, e, porén, na atención e asistencia as vítimas, se escuden na negativa destas a denunciar, un rasgo común na inmensa maioría, froito, entre outros factores, ademais da incerteza do que lles ocorrerá con posterioridade a interposición da mesma a elas e aos seus fillos, do medo a súas parellas e do estado de anulación psicolóxica ao que os seus agresores as abocan, algo, reiteramos, que estes profesionais deberían coñecer sobradamente e ter, en consecuencia, en conta, sen permitir que vaia en detrimento da protección que precisan estas mulleres.

Por outra banda, é totalmente ilóxico, ademais dunha mais que obvia contradición a inclusión destas vítimas na base de datos dun sistema de prevención, no que se valora o seu risco e se ten, porén, constancia del, e non se lles faga ningún tipo de seguimento, algo que é, entendemos, de puro sentido común, por moito que elas se neguen.

É, ademais dunha incoherencia, unha ofensa e unha aldraxe para todas as vítimas da violencia machista, que nos estean a falar continuamente de prevención, de que se lles inste a denunciar, tal como manifestaba non hai moitos días a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, cando, unha e outra vez, constatamos que a prevención e a protección que nos tentan vender, e lamentamos ter que dicilo, é fume, o que queda evidenciado con esa sanguenta lista de mulleres e mesmo menores asasinados que non deixa de medrar.

Demostrado queda tamén, por moito que se nos tente convencer do contrario, o descoñecemento da realidade das vítimas de violencia de xénero, e do cuestionable dos criterios para seleccionar ao persoal encargado, supostamente, da súa atención e protección, algo patente nos evidentes fallos destas, que se repite unha e outra vez con tráxicos resultados, sen que semelle que ninguén con competencias se plantexe tomar a medida ningunha ao respecto que vaian mais alá dos minutos de silencio e das concentracións de repulsa coa correspondente foto, que, ademais de inútiles, xa semellan ser unha burla, mentres a nos, as mulleres, aos nosos fillos, nos seguen matando.

Non podemos pasar por alto, ademais, e por enésima vez, reiterarnos na mais que dubidosa eficacia e rigorosidade do sistema VioGén, do que se dí é de seguimento integral dos casos nos que se valora o risco, pero que non deixa de cobrarse unha vida tras outra, ademais, claro está, dos fallos que constatamos cantos traballamos a diario con vítimas, e que, nin transcenden, nin se lles da solución por moito que o reclamemos, e que preguemos, unha e outra vez, que se revise o devandito sistema.

Non esquezamos que o VioGén, como o sistema en xeral, foi elaborado por persoas, sendo, por tanto, susceptible de ser modificado, máxime cando a súa ineficacia é un feito mais que constatado.

Certo é, evidentemente, que de pouco serve que se revise o sistema se non se toman serias medidas respecto ao persoal encargado de manexalo, e, por moi perfeccionado e depurado que chegue a ser calquera sistema, nunca a súa eficacia será a adoitada se non a acompaña o factor humano, e a responsabilidade de quen ten vidas nas súas mans.

Como tampouco nunca se chegará a acadar esa eficacia se continúa a obstinación de tentar xestionar a loita contra a violencia de xénero desde os despachos, por persoas que, non o dubidamos, terán unha formación do mais esmerada e numerosos títulos e diplomas, pero, carecen, lle pese a quen lle pese, da experiencia que nos da o contacto diario coas vítimas a cantos traballamos directamente con elas, vivimos a súa situación ao seu carón, escoitamos cada día os seus medos, as súas frustracións, e tamén as súas esperanzas, unhas esperanzas que son truncadas con cada fallo dun sistema que, lonxe de protexelas como merecen e teñen todo o dereito, as coloca, na maioría das ocasións, aos pes dos cabalos, e que as disuaden de facer nada mais que confiar na sorte e que esta lles permita sobrevivir as agresións a as aldraxes dos seus maltratadores.

Desde Si, hai saída reclamamos, esiximos, que se tomen XA medidas urxentes ao respecto antes de que a lista de mulleres, de nenas e nenos asasinados continúe medrando, que se depuren responsabilidades ante os evidentes e irreparables fallos que están a producirse un día tras outro e que tantas vidas custan, e, que, dunha vez por todas, se revisen os criterios empregados para a selección do persoal, principalmente no eido policial, primeiro chanzo para a protección das vítimas, sen obviar, como se está a facer, os elementos fundamentais: VOCACIÓN, HUMANIDADE e EMPATÍA, algo que nin toda a formación do mundo, por moi importante que esta sexa, e que ninguén pon en dúbida, así como outros méritos profesionais nos que se está a basear a súa selección, poden substituír.

Asociación Si, hai saída.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com