A Asociación Si, hai saída alerta da falta de previsión ante o mais que probable aumento da violencia machista no verán

Un ano mais, co comezo do mes de Xullo, e, con este, do período vacacional por excelencia, ante o incremento de episodios de violencia machista que cada ano se constata que se producen nestas datas, desde a Asociación Si, hai saída temos que lamentar que se continúe
sen escoitar as chamadas de atención que, sobre isto, lanzamos os que traballamos acotío coas vítimas, e non se tome, desde as Institucións, ningunha medida de prevención ao respecto.

É absolutamente lamentable comprobar coma cada ano, desde os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, alertan acerca de posibles situacións de risco ou perigo que adoitan suceder nestas datas, como poden ser roubos nos domicilios baleiros por mor das vacacións,
accidentes de tráfico polo aumento de desprazamentos, risco de incendios forestais, etc, etc, etc, dándonos, ademais, a poboación, unha serie de pautas ou consellos para tentar previlas e evitalas na medida do posible, algo, entendemos, lóxico, mais, ano tras ano, se obvia totalmente o aumento das situacións de violencia de xénero que cada verán deixa tráxicas pegadas, facendo patente, en moitos dos casos, as gravísimas eivas na protección das vítimas e no seguimento aos seus agresores, non soamente sen adoptar ningunha medida ao respecto, se non reducíndose de xeito mais que notable o número de recursos e de efectivos destinados a esta finalidade, quedando así os cadros de persoal das Ufam (Unidades de Familia e Axuda a muller), ou, o que é o mesmo, axentes, se supón, especializados na asistencia e protección as vítimas de violencia de xénero baixo mínimos durante os meses de verán, e, de xeito especial, nas fins de semana e nas pontes, nas que, se unha muller é agredida e desexa denunciar, agás que sufra feridas graves, ante o cal se avisará a un axente especialista que debería estar localizable, deberá facelo na ODAC (Oficina de Atención ao Cidadán), coma se se tratara de calquera outro delito, co que isto implica, desde a falta de intimidade ata a elevada probabilidade de ser atendida por un axente que tal vez sexa un excelente policía noutros eidos, pero que non é especialista en violencia de xénero, coma a situación requiriría.

Así as cousas, sen ir mais lonxe, este ano, nas pontes mais sinaladas dos meses de Xullo e Agosto, as do día 25 do primeiro, e o 15 do segundo, ambos los dous Luns, as comisarías non contarán con persoal especializado en violencia de xénero desde o Venres 22 ata o Martes 26 no primeiro, e desde o Venres 12 ata o Martes 16 no segundo, é dicir, catro días cada mes, en datas potencialmente perigosas, polo gran número de festas que se celebran, aumento da convivencia por mor das vacacións, intercambio de menores, principalmente na ponte de Agosto, etc, etc

Incomprensible e intolerable tal falta de previsión, que non fai mais que evidenciar a auténtica e lamentable realidade que se está a vivir no noso país no que atinxe a violencia machista, sempre preocupante e que se pode cualificar de calquera cousa agás de exemplarizante, algo
que, desgraciadamente, este ano se está a facer mais patente que nunca, xa que, soamente nos últimos meses, o repunte que estamos a sufrir se cobrou a vida de mulleres que tiñan ordes de afastamento, ou que, malia estar incluídas no sistema VioGén non se lles estaba a facer seguimento ningún, sendo, mesmo nalgúns destes casos, as alertas desactivadas sen ningún motivo aparente que o xustificara.

Entendemos e respectamos, coma non podería ser menos, o dereito ao descanso e as vacacións dos axentes, mais non o feito de que non sexan substituídos, co grave risco para as vítimas de violencia de xénero que isto implica, ademais de demostrar, e o dicimos con mágoa, o verdadeiro lugar que ocupa a violencia machista nas súas prioridades, malia que tenten vendernos o contrario.

Outro tanto temos que dicir acerca do Ministerio de Igualdade, que semella mais preocupado pola súa proxección mediática, e por aprobar unha “medida cosmética” tras outra nas datas clave, en apoiar causas que lles aseguren esa proxección, malia que as veces estas sexan algo mais que cuestionables, e en dilapidar miles e miles de euros en “solucións” cuxos resultados a vista están, co aterrador aumento da violencia de xénero que estamos a vivir, que en afrontar a raíz do problema ao que nunca, desde que chegaron ao goberno, se lles escoitou nin sequera aludir, ignorando a realidade de que, si falla a base, todo o demais é inútil.

Para rematar, e cinguíndonos agora a nosa cidade, tamén un ano mais temos que referirnos, e igualmente o facemos con mágoa, a nula colaboración e interacción coa institución policial que, desde Si, hai saída lamentamos profundamente, xa que, mentres esta se deu, nos primeiros anos da nosa andaina, os resultados foron enormemente positivos, malia que nos sempre estivemos e estamos abertos a ela, e se nos asegurou, hai xa un ano, que se retomaría, algo ao que, reiteramos, pola nosa banda, sempre estivemos dispostos xa que a súa interrupción non se debeu, en modo algún, aos nosos desexos, se non todo o contrario, sen que isto sucedera en ningún momento, e sen ter en conta, atendendo a outros criterios nos que agora non imos profundar, que as principais prexudicadas son as propias vítimas.

Asociación Si, hai saída.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com