A asociación Si, hai saída alerta do incremento do risco que implica para moitas vítimas de violencia de xénero o estado de alarma.

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos alertar sobre o incremento do risco que a situación do estado de alerta decretada polo goberno por mor do coronavirus implica para moitas vítimas de violencia de xénero.

Son numerosas as mulleres que se atopan nesta situación que, por diversas razóns, ainda non tomaron a decisión de rachar co seu agresor, e tampouco, porén, de denuncialo, malia estar a maioría nunha situación de risco.

A actual e grave situación que todos estamos a vivir, cobra unha especial relevancia nestes casos, xa que a obrigada convivencia durante as 24 horas do día, e o illamento que isto conleva, que fan imposibles os escasos momentos de respiro que as vítimas de violencia de xénero e mesmo os seus fillos teñen de cotío, fan medrar de xeito exponencial as tensións e os conflictos , o que pode redundar, e case con toda probabilidade o fará, en agresións, cos tráxicos resultados que todos sabemos que poden implicar.

Por isto, desde Si, hai saída queremos lanzar un chamamento as mulleres que se atopan nesta difícil situación que, malia que non é doado, ao menor sinal de alarma, de perigo, non dubiden en pedir axuda chamando ao 091 (Policía Nacional), ou ao 092 (Policía Local).

Por suposto, tamén en Si, hai saída seguimos a súa disposición, gardando, como non podería ser menos, as preceptivas precaucións que as graves circunstancias que estamos a vivir esixen, e, especialmente aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado lles pregamos, malia que estamos seguros de que isto non é preciso, que non baixen a garda en canto ao seguimento das vítimas e tamén a eles lles facemos extensiva a nosa disposición ante calquera eventualidade na que consideren que poidamos ser de axuda.

Son momentos moi difíciles os que estamos a vivir, e soamente a unión nos axudará a afrontalos e superalos.

Asociación Si, hai saída

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com