A Asociación Si, hai saída condena o crime machista cometido en A Coruña e denuncia a improcedencia do evento programado polo Ministerio de Igualdade para o vindeiro 4 de Decembro coa finalidade, din, de conmemorar a Lei de Violencia de Xénero.
Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero manifestamos a nosa condena polo asasinato machista cometido en A Coruña na madrugada do Venres ao Sábado, no que unha muller de 74 anos foi, presuntamente, asasinada polo seu marido, que a asfixiou, e trasladamos todo o noso apoio agarimo a familia e aos seres queridos da muller falecida.
Contabilízanse así 28 mulleres asasinadas no que vai de ano, as que hai que engadir 9 menores, ademais dos que quedaron orfos por mor da violencia machista.
E ante tal dantesco panorama, que, lonxe de mellorar, empeora de día en día, non podemos por menos que expresar a nosa mais rotunda condena e o noso total rexeitamento ao acto programado polo Ministerio de Igualdade para o vindeiro 4 de Decembro, no Museo Reina Sofía, coa finalidade de conmemorar, din, a Lei contra a Violencia de Xénero, que cumprirá 20 anos, e ao que destinará nada mais nin nada menos que 120. 000€, que, naturalmente, saen dos petos dos contribuíntes, é dicir, de todos nos.
O contrato para a celebración do mencionado acto tramitarase polo procedemento de urxencia, para resolvelo coa maior rapidez e incluirá, entre outras actividades, dúas pausas para café, e un xantar tipo cóctel no vestíbulo do museo.
Parécenos absolutamente inmoral e fora de lugar a celebración de tal evento, en primeiro lugar, porque, entendemos, non hai absolutamente nada que celebrar.
As cifras en canto a mulleres e menores asasinados, falan por si soas e, en segundo lugar, porque, e o dicimos claramente, hai que ter moi pouca vergoña para facer tal dilapidación, cando, cada vez que unha muller é asasinada, e, en xeral, ante as evidentes eivas na protección e atención que se lles está a prestar ou, mellor deberíamos dicir, NON se lles está prestando, se alega a falta de recursos.
Un acto de tales características é, cremos, unha auténtica aldraxe a todas as vitimas de violencia de xénero, especialmente, as que xa non están entre nos, así coma as súas fillas e fillos, e tan so beneficiará a aqueles e aquelas que van sacar dun ou outro xeito, rendemento del, que son moitos, empezando propio goberno, ademais ,por suposto, dunha mostra mais que evidente de como se está a frivolizar a violencia de xénero, convertindo a súa existencia nun acto social mais no que deixarse ver e do que, por suposto, sacarán beneficio, coma sempre, os elixidos e, sobre todo, as elixidas.
Asociación Si, hai saída.