Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero denunciamos os cortes de subministración de luz e gas que, malia a prohibición do goberno, está a levar a cabo Naturgy a persoas en situación de gran vulnerabilidade, entre elas moitas vítimas de violencia de xénero, con todo o que isto implica, xa que non poden cociñar, ademais de perder os escasos alimentos que gardan nos seus frigoríficos, que, como é lóxico, se estropean deixando de ser aptos para o seu consumo, non dispoñen de auga quente, quedando, ademais incomunicadas, dado que tampouco poden recargar os seus teléfonos móviles, que son, na maioría dos casos, o único medio do que dispoñen para comunicarse, sendo ademais esta situación aínda mais grave nos fogares nos que hai menores ou persoas maiores, máxime agora que se achega o frío cos prexuízos derivado disto para a súa saúde, e, por suposto, no caso das vítimas de violencia de xénero, que se ven privadas da única ferramenta ao seu alcance para pedir axuda se son agredidas.
A ninguén se nos escapa o tremendo perigo que isto implica e as tremendas consecuencias que pode chegar a ter.
Por se isto non fora suficientemente grave, ditos cortes non son comunicados en moitas ocasións en tempo e forma, malia, reiteramos, que, en calquera caso, polo momento, e ata finais de ano están prohibidos, atopándose os usuarios con esta tremenda situación de súpeto e a imposibilidade de entenderse ca comercializadora cando contactan telefónicamente para tentar chegar a un acordo, como pode ser o fraccionamento dos pagos, xa que a única resposta que reciben, case sempre, ademais, con moi malos modos, é a repetición, coma se
fora un mantra, por parte dos teleoperadores de Naturgy, da débeda que teñen e que deberán abonar na súa totalidade para que a subministración lles sexa restablecida, ademais do reenganche da mesma.
Son moitos os casos, ademais, nos que estas débedas se ven considerablemente incrementadas por facturacións incorrectas, que en Naturgy nin admiten, nin, menos aínda, corrixen.
Outra gravísima consecuencia destes atropelos é que moitos usuarios que, pola súa situación de extrema vulnerabilidade, cumpren os requisitos para acceder ao bono social de luz e gas, se ven imposibilitados para solicitalo, debido a débeda que teñen con Naturgy, e que, como é lóxico, se incrementa cada vez mais e mais, entrando nunha espiral da que lles resulta imposible saír.
Lamentablemente, a sensación de impotencia, a desesperación que chegan a sentir, fai que case ninguén se decida a denunciar os abusos dos que están a ser obxecto por parte de Naturgy, que atropela aos usuarios con total impunidade unha e outra vez.
Desde Si, hai saída manifestamos a nosa intención de loitar por todos os medios posibles, malia que lamentablemente son escasos, para denunciar, tentar subsanar estas situacións e que se respecten os dereitos destas persoas, e, como primeira medida, ademais de aos medios de comunicación, como xa estamos a facer, trasladaremos esta información a o Goberno en funcións, así como ao Defensor do Pobo.
Tal vez non consigamos nada, pero o que é innegable é que o silencio ante tales abusos non é unha opción.
Asociación Si, hai saída