Desde a asociación Si, hai saída desexamos destacar e lembrar, unha vez mais, a enorme importancia da colaboración e interacción entre as Institucións e os colectivos que traballamos de xeito directo coas vítimas de violencia de xénero.
A ninguén dos que, dun ou doutro xeito, traballamos no eido da violencia de xénero, se nos escapa a situación tan grave que estamos a vivir.
O repunte da violencia machista é evidente e o número de mulleres e mesmo de menores que perden a súa vida por mor desta letal lacra non deixa de medrar.
Somos, así mesmo, conscientes da enorme dificultade que para as mulleres que están a vivir unha situación tan traumática e dolorosa representa dar o paso de denunciar ao seu maltratador, e de levar adiante un proceso que sempre é longo é duro.
Por outra banda, non se pode negar a realidade de que, cando acoden a denunciar non sempre se atopan co ambiente cálido e empático que lles inspire a confianza que sería de desexar, algo que unido ao seu nerviosismo, o seu temor, a incerteza ante o futuro que lles agarda, así como a vergoña, o estado de anulación que arrastran, e o sentimento de culpabilidade que o seu agresor e mesmo o seu círculo mais achegado lles fan sentir, teñen como consecuencia, a miúdo, que a súa declaración non reflicta a gravidade real da tremenda situación que están a vivir, o que, loxicamente, repercute na adopción das posteriores medidas de protección, que moitas veces non chegan a facerse efectivas dando por sentado que non son precisas, co conseguinte risco que isto implica e as posibles tráxicas consecuencias que tantas veces se dan.
Cando acoden a solicitar axuda a un colectivo como Si, hai saída, as mulleres séntense mais confiadas, mais cómodas, nun entorno no que non se senten cuestionadas, pero si escoitadas, e, por riba de todo, comprendidas e tratadas con agarimo por persoas que coñecemos e entendemos perfectamente a súa situación, a súa dor, porque a vivimos cada día, e mesmo algunha, nalgún momento da nosa vida, pasamos pola mesma situación.
Así mesmo, é moi importante para elas contar coa nosa compaña cando deciden tentar saír do seu inferno, algo que nos sempre estamos dispostas a brindarlles, malia que nos últimos tempos, lamentablemente, están a ser moitos os atrancos que nos estamos atopando para facelo, tendo mesmo que desistir en moitos momentos, o que, obviamente, é un prexuízo mais, ademais de sumamente disuasorio para elas, que nalgún caso optan por non continuar adiante, ante a soidade, a incomprensión e a desprotección que chegan a sentir.
Vaia por diante o noso maior respecto e recoñecemento polo traballo que todas e cada unha das Institucións están a levar a cabo, e gustaríanos deixar moi claro, como xa o fixemos en moitas ocasións, que non é a nosa intención interferir na labor de ninguén, nin moito menos tentar substituíla. Somos perfectamente conscientes do lugar que nos corresponde ocupar e que ,pensamos que podemos afirmar categoricamente, sempre demostramos nas nosas actuacións.
O único que desexamos e brindar o noso apoio e a nosa axuda, que consideramos ten unha gran importancia, xa que, por moito que poida semellar o contrario, ou, lamentablemente, nalgún caso se intente facer ver, a confianza que as vítimas depositan en nos, as horas de longas conversas con elas, vivir o seu día a día, que non é moi diferente do de moitas de nos, fan que teñamos acceso a moita información que, doutro xeito, non son quen de proporcionar.
Non somos o inimigo e entendemos que todos estamos no mesmo barco, o que traballa na procura de que a violencia de xénero vaia, pouco a pouco, e co esforzo de todos nos, sendo paliada e que, coa nosa axuda, a de todos, cada día mais mulleres, mais nenos, poidan vivir, por fin, unha vida sen medo, a que teñen todo o dereito e se lles nega.
Asociación Si, hai saída