A Comisión Permanente da Federación de AA.VV. de Lugo ‘Lucus Augusti’ tomou por unanimidade a decisión de impulsar un movemento cidadán en apoio do Campus de Lugo na súa reunión do pasado martes 14 de novembro.
Baixo a marca ‘Campus Lucense’, a asociación pretende impulsar todo tipo de iniciativas. “Nos próximos días convocaremos ao tecido asociativo de Lugo e provincia (asociacións veciñais, culturais, educativas,
sindicatos, colexios profesionais, entidades sociais, deportivas…) para tratar conseguir apoios institucionais”, sinalan. De feito, nos vindeiros días solicitarán unha entrevista co Reitor da Universidade para coñecer claramente os seus proxectos cara ao Campus Lucense.
“Unha vez máis reiteramos que o Campus de Lugo foi e é fundamental para transformar as nosas estruturas agrarias, forestais, etc. e mesmo a propia sociedade lucense, poñendo en valor os coñecementos adquiridos nun Campus especializado en materia Agro-forestal”, afirman.
No comunicado tamén critican algúns dos motivos que, segundo a asociación, están mermando o campus lucense, como a necesidade de 45 alumnos para manter un grao universitario, compartir o Grao de Forestais con outros campus, ou que os dous primeiros cursos non sexan presenciais, entre outros.
“Para nós é imprescindible a colaboración coa Universidade (Docentes e Alumnado), por iso poñerémonos en contacto con eles para escoitar as súas demandas e articular respostas conxuntas”, tamén sinalan dende a asociación.