Dende a Federación provincial de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo, e tras recibir múltiples queixas de veciños e veciñas, usuarios/as do leirapárking do Hospital Universitario “Lucus Augusti” de Lugo – HULA., dirixímonos, novamente – como xa fixemos en datas pasadas por esta mesma causa- á Concellería de Movilidade e Infraestruturas do Excmo. Concello de Lugo, e reiteramos a nosa profunda preocupación polo lamentable estado actual -xaneiro de 2025- do leirapárking. Tal e como se aprecia nas fotografías que anexamos a esta nota -realizadas esta pasada fin de semana, de xaneiro de 2025-, a situación actual do leirapárking é desastrosa no que se refire a pavimento; o cal, durante os pasados días de choiva vividos na nosa cidade, motivou a formación de charcos e lameiras, coas consecuentes consecuencias directas en danos a vehículos e, por suposto, a persoas. A este respecto, desde a nosa entidade, traemos a colación a resposta achegada pola Concellería á cal nos diriximos desde o inicio da nosa reclamación nesta temática -a Concellería de Movilidad e Infraestruturas do Excmo. Concello de Lugo, por ser da súa competencia directa-, e que refería a imposibilidade de proceder ao asfaltado do leirapárking, por corresponder a un 5% non aprobado do Plan Xeral de Ordenación Municipal -PXOM.- de Lugo..
A teor da circunstancia arriba mencionada, matizamos que, na actualidade, xaneiro de 2025, xa se atopa aprobado ese 5% pendente do PXOM. de Lugo, polo que, en presente, pódese proceder xa aos labores de asfaltado do leirapárking necesarias -e imprescindibles-, e que, desde a nosa entidade, solicitamos que sexa, ademais, con carácter urxente, dado o lamentable estado actual. Noutra orde de cousas, desde a Federación provincial de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo, solicitamos coñecer, tamén, os detalles relacionados coa empresa encargada do mantemento do leirapárking: cales son as súas obrigacións, o seu custo, a súa periodicidade etc. Agardamos resposta favorable e o máis axiña posible por parte da citada Concellería, á cal remitimos este escrito; xa que, como indicamos ao comezo, estamos a exercer como portavoz de múltiples queixas veciñais.