A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu a un acusado de agredir sexualmente en novembro de 2016 a unha veciña de 18 anos que padece unha limitación intelectual leve. O tribunal considera acreditado que mantiveron relacións sexuais, pero alberga dúbidas sobre o desenvolvemento dos feitos, o que determina a absolución do sospeitoso. Así, os maxistrados indican que, fronte ao relato da denunciante, se opón unha carta que escribiu na que “non reflicte a crueza que relata dunha agresión, senón que refire que foi cousa dos dous, pero tamén sinala que se arrepentiu”.
Ademais, indican que o recoñecemento médico que lle realizaron á denunciante “non presenta signos externos compatibles cunha relación violenta”, así como que un amigo de ambos testificou que viu á moza o día dos feitos ante o alpendre e que “non estaba alterada ou chorando”. A testemuña, segundo consta na sentenza, “gozaba da confianza absoluta da denunciante” e declarou que non a atopou “preocupada, angustiada ou chorosa”, senón que estaba “normal, como sempre” ata que xurdiu o tema “dun posible embarazo ou unha enfermidade de transmisión sexual”, que foi cando “a preocupación foi evidente”. Esa conduta, segundo a Audiencia, “parece excluír o acto violento ou intimidatorio que esixe a agresión”.